O Grupo de Investigación Stellae ven de participar na presentación do número 92 da Revista Galega de Educación, celebrada na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela o día 11 de novembro. O acto serviu como punto de encontro para reflexionar sobre o presente e futuro da dixitalización educativa en Galicia, temática central deste novo monográfico titulado “A Dixitalización e E-Dixgal nas aulas”.
A profesora Silvia López Gómez foi a encargada de presentar o monográfico, destacando as principais achegas e retos que recolle en relación coa implantación de E-Dixgal e coa integración das tecnoloxías dixitais no contexto educativo galego.

Na sección de Educación Social, Carolina González Rodríguez presentou o seu artigo “Ludo Libre: prevención dos xogos de azar presenciais e online nos institutos do Baixo Miño”, no que aborda a necesidade de fomentar prácticas preventivas e educativas fronte ás novas formas de adicción e risco entre a mocidade.

Pola súa banda, Ana Rodríguez Guimeráns e Pablo Gayo presentaron o documento “Medidas necesarias para mellorar a dixitalización nas aulas galegas”, ademáis do seu artigo, no que tamén participa a membro do grupo Ana Parada, incluído na sección de Atención á diversidade, baixo o título “Inclusión e Dixitalización en Galicia”, no que analizan o papel das tecnoloxías como ferramenta para favorecer unha educación máis equitativa e accesible.

A sesión contou tamén coa participación de Andrea Maroñas Bermúdez, exdirectora da Revista Galega de Educación e profesora na Facultade de Ciencias da Educación, quen compartiu unha reflexión sobre o proxecto editorial da revista e sobre o labor do movemento de renovación pedagóxica Nova Escola Galega, do que a publicación forma parte.

