O grupo de investigación Stellae está de celebración. A profesora e profesores Silvia López Gómez, Pablo Gayo Pérez e Jesús Rodríguez Rodríguez recibiron o primeiro premio na modalidade de docencia da XVI edición dos Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero na Docencia e na Investigación, convocados pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) co apoio do Concello de Santiago de Compostela.

O traballo galardoado, titulado EDUCAR CON MIRADA DE XÉNERO: MATERIAIS DIDÁCTICOS QUE ENSINAN E TRANSFORMAN, recolle unha experiencia docente desenvolvida no curso 2024/2025 nas materias “Deseño e Avaliación de Materiais Didácticos” (Grao en Pedagoxía) e “Deseño e Elaboración de Materiais Didácticos” (Graos en Educación Infantil e Primaria). O proxecto apostou pola incorporación da perspectiva de xénero no deseño, análise e creación de materiais didácticos, facendo fincapé na accesibilidade, a inclusión e a diversidade desde os principios do Deseño Universal de Aprendizaxe (DUA).

Durante o proceso, o alumnado elaborou materiais en diferentes formatos —tanto impresos como dixitais— e creou e empregou guías de avaliación con enfoque de xénero. Ademais, desenvolvéronse sesións formativas sobre igualdade e prevención das violencias machistas, en colaboración con profesionais e entidades especializadas. O traballo tamén promoveu a difusión aberta dos materiais a través dun espazo web e das canles informativas da USC, contribuíndo á súa proxección máis alá das aulas.

A entrega dos galardóns foi onte, 6 de novembro, ás 12:00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca (Santiago de Compostela). Estes premios teñen como obxectivo recoñecer e fomentar a integración da perspectiva de xénero como criterio de calidade e innovación docente e investigadora na universidade.

Share
This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.