O grupo de investigación Stellae está de celebración. A profesora e profesores Silvia López Gómez, Pablo Gayo Pérez e Jesús Rodríguez Rodríguez, xunto con Milena Villar Varela, Clara Martínez Delgado e Mª del Mar Sanjuán Roca, recibiron o segundo premio na modalidade de docencia da XVII edición dos Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero na Docencia e na Investigación, convocados pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) co apoio do Concello de Santiago de Compostela.
O traballo galardoado, titulado “Código violeta: unha experiencia intercurso para avaliar e (re)deseñar materiais didácticos con perspectiva de xénero”, recolle unha experiencia docente desenvolvida no curso 2025/2026 nas materias de “Didáctica” (2º Curso) e “Deseño e Avaliación de Materiais Didácticos” (4º Curso) do grao de Pedagoxía. O proxecto articulouse como unha secuencia de aprendizaxe en diferentes momentos arredor do XVII Seminario de Avaliación de Materiais Didácticos Jaume Martínez Bonafé, organizado polo grupo CAVILA de Nova Escola Galega.

O seminario tivo por primeira vez a relación entre os materiais didácticos e o xénero, integrándose no desenvolvemento das materias e constituíndose como un espazo de aprendizaxe compartido. Desta forma traballáronse previamente nas materias aspectos vinculados coa análise do currículo, o currículo oculto ou a abordaxe con guías de análise para avaliar recursos. Durante o seminario leváronse a cabo conferencias, obradoiros especializados, unha mesa redonda internacional e un escape room. A modo de resultado elaborouse un conxunto de materiais docentes como guías e instrumentos de avaliación.
A entrega dos galardóns foi o pasado 25 de setembro, ás 12:30 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca (Santiago de Compostela), á que acudiu Silvia López Gómez en representación do equipo. Estes premios teñen como obxectivo recoñecer e fomentar a integración da perspectiva de xénero como criterio de calidade e innovación docente e investigadora na universidade.


