O pasado 28 de novembro, a nosa compañeira, a profesora Rebeca García Murias, participou nunha mesa redonda na Facultade de Educación da Universitat de Barcelona (UB). O debate centrouse na traxectoria dos estudantes internacionais e no desenvolvemento de habilidades profesionais en contornas educativas globais.
A sesión formaba parte de REDICE, un proxecto de investigación dirixido polo grupo TRALS (Transicións Académicas e Laborais), que analiza os factores crave que axudan aos estudantes internacionais de máster a realizar unha transición satisfactoria ao mundo profesional.
A nosa compañeira compartiu a súa experiencia no ámbito da mobilidade internacional e as estratexias de internacionalización e acompañamento levadas a cabo desde a Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela, o que supón un reforzo na nosa colaboración coa UB e posibilita contribuír a un debate esencial para impulsar o futuro da educación internacional.


