O pasado 7 de maio, presentouse un dos últimos libros publicados no marco do Stellae, titulado “A educación física na escola: recursos, experiencias e prácticas innovadoras en educación infantil e primaria”. Neste evento participaron dous dos coordinadores da obra, Jesús Rodríguez Rodríguez e Raúl Eirín Nemiña, ademais dalgúns dos autores dos principais capítulos: Pablo Franco López, Carol Jean Gillanders, Javier Rico Díaz, Geno Rodríguez Fernández, Silvia López Gómez e Ana Rodríguez Guimeráns.
O evento estivo dirixido ao alumnado da materia de expresión corporal dos Graos de Educación Infantil co obxectivo de crear un espazo de reflexión e debate sobre as prácticas pedagóxicas innovadoras no ámbito da educación física.
Este libro xorde como unha valiosa ferramenta para docentes e educadores interesados en explorar novas formas de ensino nas etapas de Educación Infantil e Primaria. A través dunha selección coidadosa de recursos, experiencias e prácticas innovadoras, os coordinadores e participantes do libro ofrecen unha visión integral sobre o potencial educativo da educación física na escola ao reflexionar sobre aspectos fundamentais do desenvolvemento como a socialización, o fomento da autonomía, resolución de conflitos e a inclusión educativa a través da actividade física.
Cabe destacar que o libro está dispoñible en aberto para a súa descarga gratuíta a través da seguinte ligazón: https://www.dykinson.com/libros/a-educacion-fisica-en-a-escola-recursos-experiencias-e-practicas-innovadoras-en-educacion-infantil-e-primaria/9788411706766/


