Durante os próximos tres meses Sandra Dorado Gómez, membro do grupo Stellae, realizará unha estancia de investigación no grupo de investigación “Learning with New Media” (Melbourne, Australia). Esta estancia está apoiada polo programa de Formación de Profesorado Universitario (FPU) na súa convocatoria de “Estancias breves”.
Ao longo deste período levaranse a cabo actividades de difusión da investigación do grupo Stellae, concretamente en relación ao proxecto “Contornas socio-familiares,procesos de apropiación e propostas de e-inclusión (CDEPI)”, financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade (EDU2015-67975-C3-1-P) e polos fondos FEDER. Durante estes tres meses completarase a estancia con sesións de formación en diversos ámbitos -metodoloxía de investigación por exemplo-; xunto coa asistencia a congresos de relevancia no campo de estudo.
A estancia está dirixida por Neil Selwyn, profesor na Facultade de Educación (Monash University). O seu traballo está centrado no lugar que ocupan os medios dixitais no día a día do colectivo xuvenil; así como a socioloxía da (non) utilización da tecnoloxía en contornas educativas.


