Uxía Regueira, investigadora do grupo Stellae, foi recoñecida co Premio Extraordinario de Doutoramento 2023–2024 na área de Ciencias Sociais, subárea de Ciencias da Educación, pola Universidade de Santiago de Compostela. Este recoñecemento distingue a excelencia académica e a traxectoria investigadora desenvolvida durante o proceso de elaboración da súa tese doutoral, que debe ser avaliada coa cualificación de sobresaliente cum laude e proposta polo tribunar para optar ao seu concurso.
A súa tese titulada “Dispositivo de xénero e prácticas de participación intermediada en contornas híbridas. Un estudo fenomenográfico de mulleres adolescentes de Galicia para repensar a competencia dixital” foi dirixida por Adriana Gewerc e desenvolveuse no seo do grupo baixo o amparo dun contrato financiado pola Bolsa de Axuda á etapa Predoutoral da Xunta de Galicia 2020. Nela, Uxía Regueira aborda os procesos de interacción e participación mediados por tecnoloxías dixitais na cotidianeidade adolescente, poñendo o foco na negociación de subxectividades, a construción de saberes e as formas emerxentes de axencia xuvenil de mulleres adolescentes en contornas híbridas.

