A Maleta de Emerxencias Pedagóxicas acada o 1º Premio na XIII Edición dos Premios Educacompostela
--
O primeiro premio foi para o traballo "Maleta de emerxencias pedagóxicas: materiais didácticos en aulas hospitalarios", un proxecto de Aprendizaxe-Servizo, no que participan varios membros de Stellae. Foi presentado por Yésica Teijeiro Bóo, Jesús Rodríguez Rodríguez, Tania Caamaño Liñares, Antía Cores Torres, Ana Rodríguez Groba (da Facultade de Ciencias da Educación da USC); María Pilar Porta Rodríguez (mestra da Aula Hospitalaria do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, CHUF) e María Elena Sobrino Fernández (mestra da Aula Hospitalaria do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS).
Nesta convocatoria recoñécense recursos educativos en prol da innovación, da calidade educativa e da renovación pedagóxica. A Maleta de Emerxencias Pedagóxicas presentou nesta edición case 30 materiais didácticos, en lingua galega, en formato impreso e dixital e un banco de recursos que aglutina preto de 1.000 materiais didácticos cos que traballar nas aulas hospitalarias.
Dende o equipo da Maleta agradecemos tanto ao alumnado da Facultade de Ciencias da Educación como ao alumnado, familias e profesorado das Aulas Hospitalarias de Santiago de Compostela e Ferrol polas gañas, esforzo, tempo e ilusión que depositaron neste proxecto que comezou a súa andaina no curso 2018-2019!