A VIII Xornadas de Materiais e Recursos Educativos celebraranse o 16 e 23 de novembro na Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida) en xornada de tarde. Nesta nova edición, o protagonismo recaerá na Intelixencia Artificial (IA), na Revista Galega de Educación (RGE), no proxecto Infanci@ Digit@l e na presentación de diferentes libros e recursos educativos. A maiores, as persoas asistentes terán o pracer de ver e escoitar a Jaume Martínez Bonafé (Universitat de València) e a Pilar Sampedro Martínez (GALIX, NEG).
O 16 de novembro, baixo o título «A aplicación da Intelixencia Artificial nos materiais didácticos», a profesora da USC e membro de Stellae Silvia López Gómez, achegará ás persoas asistentes exemplos de ferramentas de IA para a creación de materiais e proporá un reto colaborativo a desenvolver durante a xornada. A continuación, celebrarase o III Seminario da Revista Galega de Educación, a cargo de diferentes membros do equipo do consellos de redacción, entre os que destaca a súa co-directora Ana Parada Gañete.
Abrirá a xornada do 23 de novembro a presentación do proxecto Infancia@ Digit@l. Trátase dun proxecto no que participaron equipos de investigación de tres comunidades autónomas: Canarias, Galicia e Valencia. Neste traballo analizáronse as características tanto técnicas como pedagóxicas dos recursos e materiais didácticos dixitais (MDD) dirixidos a nenos e nenas do segundo ciclo de Educación Infantil, así como os usos e prácticas desenvolvidas cos mesmos tanto no contexto escolar como familiar. A presentación correrá a cargo dos seguintes membros de Stellae que participaron no proxecto: Jesús Rodríguez Rodríguez (Investigador Principal), Silvia López Gómez e José Pablo Franco López, tamén profesor da Facultade de Ciencias da Educación (USC). Ademais contarase coa participación das profesoras e investigadoras Montserrat Castro Rodríguez (UDC), Camino Pereiro González ( CPI Plurilingüe Virxe da Cela) e Ana Rodríguez Guimeráns (USC).
De seguido, presentarase o libro-homenaxe a Jaume Martínez Bonafé, titulado: «Discusiones actuales alrededor del libro de texto escolar» (editorial Octaedro). Prevese que o mesmo Jaume poida estar presente de forma telemática.
Finalmente, Pilar Sampedro Martínez realizará unha aproximación a diferentes guías de recursos para a inclusión e a igualdade, medio ambiente e ODS.
Estas Xornadas están organizadas polo grupo CAVILA de Nova Escola Galega (NEG) e contan coa colaboración do GI Stellae e da Comisión de Cultura e Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación (USC). Son gratuítas e non requiren inscrición previa.