Please enable JS
  • slider21.jpg

A Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Asociación de Pais de Discapacitados Psíquicos de Bergantiños (ASPABER) continúan coa súa alianza para a creación de materiais didácticos adaptados destinados ás persoas con diversidade funcional de todas  as unidades, áreas e servizos da entidade.

No marco dunha colaboración renovada entre a USC e ASPABER, o 22 de decembro de 2023 tivo lugar no Fórum de Carballo a entrega dunha serie de materiais didácticos elaborados polo alumnado de 4º curso do Grao de Pedagoxía e 4º curso do Grao en Mestre de Educación Infantil e en Mestre de Educación Primaria no marco dun proxecto de Aprendizaxe-Servizo (ApS). A este evento multitudinario asistiron tanto profesorado e estudantes da USC, como profesionais e usuarios e usuarias de ASPABER, así como familiares, amizades e membros da corporación municipal do Concello de Carballo, entre os que destacou neste acto emotivo  o alcalde Evencio Ferrero Rodríguez e a directora do CRA Ponte da Pedra Teresa Rodríguez.

A comezos do curso 2023-2024, a USC e ASPABER recoñeceron a necesidade de abordar a escaseza de recursos educativos e a ausencia de formación específica dos profesionais que traballan con alumnado con diversidade funcional. En resposta a este reto, máis de medio cento de alumnos e alumnas participaron neste proxecto de ApS, procedentes das seguintes dúas materias: “Deseño e Elaboración de Materiais Didácticos” e “Deseño e Avaliación de Materiais Didácticos”.

Baixo a dirección dos profesores Jesús Rodríguez Rodríguez, Ana Rodríguez Guimeráns e Silvia López Gómez, membros do grupo de investigación Stellae, realizáronse proxectos innovadores en formato impreso e dixital en cada unha das disciplinas.

Na materia de “Deseño e Elaboración de Materiais Didácticos” elaboráronse recursos específicos tanto para ASPABER como para os Colexios Rurais Agrupados (CRA) da contorna de Carballo, maioritariamente relacionados co proceso da lectoescritura. Entre os recursos destacan os seguintes: Pioneiros das letras; Unha viaxe pola lectura e a escritura; Libro sensorial Vogais; Socializamos como animais; e Xogo para palabras.

O alumnado de “Deseño e Avaliación de Materiais Didácticos” desenvolveu recursos para o Centro Ocupacional ASPABER, fundamentalmente centrados no uso seguro da tecnoloxía e os hábitos saudables, con títulos como: Rulamos!; EduWhatsapp; O xogo do autobús; Nutri-Pirámide; O xogo dos sons; Sorrisos en movemento; e coidaTIC!

A maiores, aproveitando este evento, o alumnado de 4º de Pedagoxía da materia “Formación en Rede” presentou o recurso CO.DI: Mentes dixitais en crecemento, destinado a familias con infantes de 3 a 6 anos para fomentar o uso seguro e responsable da tecnoloxía.

Este esforzo reflicte o compromiso destas institucións coas necesidades actuais da comunidade educativa ASPABER e cos CRA de Galicia, e en xeral, coa necesidade social de ter materiais inclusivos e diversos.

 

GUIMERANSFOTO4.jpg

GUIMERANSFOTO1.jpg       GUIMERANSFOTO3.jpg   GUIMERANSFOTO2.jpg