Os días 3 e 4 de setembro levouse a cabo na Facultade de Educación da Universidade de León, o XIV Seminario da Rede Interuniversitaria de Profesorado de Orientación (RIPO), ao que acudiron as profesoras Elena Fernández Rey e Rebeca García Murias (USC). A Rede Interuniversitaria de Profesorado de Orientación (RIPO) creouse coa finalidade de consolidar un espazo para o encontro e o debate que permitise ir xerando, desde a investigación e a docencia relacionadas coa orientación, algunhas respostas aos retos que nos formula a sociedade.
Durante o encontro, a profesora Rebeca García Murias participou nunha das mesas coordinadas sobre "Representación, participación e visibilidade dos membros de RIPO en asociacións de carácter internacional". Ambos os días desenvolvéronse diversas reunións entre os membros da rede, formulando xornadas de reflexión arredor: 1) Interconexión con asociacións profesionais existentes tanto no contexto nacional como internacional: visibilidade do papel da orientación na sociedade; 2) Formación de calidade dos profesionais da orientación: achega da Intelixencia Artificial (IA) ás funcións do profesional da orientación.
O seminario foi clausurado cun debate sobre boas prácticas de orientación, e coa determinación das datas do seguinte encontro da rede.