O pasado 28 de maio a histórica universidade de medicina de Paris Citei abriu as súas portas para a organización IARTEM (Int. Association for Research on Textbooks and Educational Media) con motivo da celebración da 17ª edición da súa conferencia internacional, centrada na temática do cambio climático e social e a súa presenza nos libros de texto.
A participación dos investigadores de Stellae foi notable, empezando pola presenza de Ana R. Guimeráns no PhD day, un encontro entre os estudantes de doutoramento participantes no congreso co fin de expoñer e debater sobre o estado das súas respectivas teses. Ademais, cada sala era moderada por un experto nas liñas de investigación dos participantes, enriquecendo aínda máis o intercambio de ideas e o estreitamento de lazos internacionais.
A xornada do 29 estivo dedicada, entre outras actividades, ás conferencias plenarias e mesas redondas sobre o cambio climático e os recursos educativos. Neste contexto, Jesús Rodríguez Rodríguez presentou xunto a Gilherme Romanelli e Alessandra Anichini o libro “Disciplinary and Trans-Disciplinary Knowledge and Skills for an Uncertain Future: Are Educational Media up to It?”, que reúne os artigos presentados na pasada edición do congreso celebrada en Florencia, Italia.
O segundo día de congreso destinouse principalmente á presentación de comunicacións, onde unha vez máis houbo gran representación da Universidade De Santiago de Compostela e do grupo Stellae.
En primeiro lugar, presentouse a comunicación de Silvia López Gómez e Ana R. Guimeráns xunto coas compañeiras Ana Parada Gañete e Mª Isabel Vidal Esteve. As autoras expuxeron “ An analytical journey on the school textbook in Spain” un dos seus traballos de investigación centrados na análise comparativa da presenza de cuestións climáticas así como a presentación da diversidade en libros de texto de ciencias naturais empregados en alumnado dos 80, 90 e 2000 no último curso de educación primaria.
Por último, no día de peche do encontro realizouse a presentación do proxecto Seundari@ Digit@l (PID2022-13736608-100), pilotada por Ana R. Guimeráns, Jesús Rodríguez Rodríguez e Diana Marín Suelves (Universitat de València) e Ana Sanabria (Universidade da Lagoa). O obxectivo principal foi presentar ese novo proxecto centrado na Educación Secundaria Obrigatoria en España e no uso das tecnoloxías que os adolescentes fan nas escolas e no fogar. Por tanto, abordaron cuestións relativas á traxectoria investigadora na temática, obxectivos do proxecto, estudos a desenvolver e os resultados preliminares derivados do primeiro ano de traballo realizado por máis de 50 investigadores do contexto español.