Please enable JS

 

Vídeo de presentación do Grupo Stellae

 

Grupo de Investigación Stellae (GI-1439 da USC), nace a principios de 1997. Está composto por un conxunto de investigadores e investigadoras da educación interesados en construír un coñecemento con potencialidade para transformar as prácticas das institucións educativas na dirección da mellora dos seus procesos de ensino, aprendizaxe, formación e desenvolvemento dos seus profesionais.


Son sinais de identidade do grupo: o interese por un amplo espectro de temáticas; a integración de profesionais doutros niveis educativos, e a procura de interdisciplinariedade, tanto interna -membros con diferentes perfís de especialización- como externa, mediante a colaboración con outros grupos, para favorecer sinerxías na investigación en educación. Pretendemos ser un grupo plural para abordar aspectos da investigación educativa tamén plurais. O noso logotipo, recentemente renovado, pretende proxectar esa pluralidade de tonalidades.

O grupo pasou por varias fases. Unha primeira, de desenvolvemento, entre 1997-1999, caracterizada pola realización de teses doutorais e a conquista da estabilidade profesional. Neste período obtivemos o noso primeiro proxecto de investigación sobre “As contribucións das institucións á profesionalización dos profesores: estudo das súas características en Galicia” (1996 -1999). A obtención en 1998 dun proxecto do Programa Alfa da Comisión Europea, supuxo un aliciente para o crecemento do grupo e a súa proxección a outros grupos, universidades e países.

A consecución do terceiro proxecto de investigación “A influencia das novas tecnoloxías no desenvolvemento organizativo e profesional dos centros educativos. Estudo da situación en Galicia” (2001-2004), caracteriza a fase de consolidación do grupo. Momento tamén para a apertura a novos membros, a realización do Máster DIME, primeiro máster da USC blended-learning (2000-2003), e a obtención doutros proxectos en convocatorias de I +D+ i de carácter nacional e autonómico.

Desde o ano 2007, estamos coordinando varios proxectos do Programa de Cooperación Interuniversitaria e Investigación Científica da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID), en colaboración con diversas universidades latinoamericanas de Chile, Bolivia e Arxentina, centrados na temática da integración das TIC no ámbito universitario. Neste marco creamos a Rede Unisic (Universidade para a sociedade do coñecemento).

Os últimos proxectos obtidos estiveron focalizados no estudo da incorporación das TIC ao ensino na universidade e noutros niveis educativos, o desenvolvemento de contornas de ensino e aprendizaxe mediados por TIC e a análise do seu impacto no desenvolvemento profesional, organizativo e curricular.

Actualmente, temos en realización, un proxecto de I+ D+i (convocatoria nacional 2008-2011), coordinado coas universidades de Barcelona e Sevilla sobre a construción do coñecemento profesional por profesores universitarios, e un proxecto de desenvolvemento institucional financiado polo MICINN.

Os proxectos obtidos fixeron posible alcanzar unha posición competitiva en relación a outros grupos que traballan en ámbitos similares. Isto permitiunos obter no ano 2007 o recoñecemento como Grupo de Investigación Competitivo do Sistema Galego de I+D+I outorgado pola Consellería de Innovación e Industria. Un recoñecemento que revalidamos en 2008, 2009 e 2010 e continuamos tendo na actualidade.

O grupo participa en asociacións internacionais como a CARN (Collaborative Action Research Network), a EERA (European Educational Research Association), Relfidu (Red Europa-Latinoamérica de Formación e Investigación en docencia y gestión universitaria), Red Unisic e IARTEM (International Association for Research on Textbooks and Educational Media); en redes nacionais como RUTE (Rede Universitaria de Tecnoloxía Educativa), Portafolios, coordinada pola UOC (Universitat Oberta de Catalunya), OBIP (Observatorio da Profesión Docente, coordinado pola Universidade de Barcelona), TELGalicia, Nova Escola Galega, entre outras.