Jesús Rodríguez Rodríguez

Despacho :47
Extension:13843
ORCID ID 0000-0003-4194-2574
E-mail:jesus.rodriguez.rodriguez@usc.es
Direccion:Rúa Xosé María Suárez Núñez. (C.Sur) 15782 Santiago De Compostela (A Coruña)
Páxinas persoais:
É mestre e pedagogo e na actualidade desempeña a súa función docente como Profesor Titular do Departamento de Didáctica e Organización Escolar (Universidade de Santiago de Compostela). Imparte docencia nas materias de Deseño e Avaliación de Materiais Didácticos e Experiencias e Recursos en Educación Social. É Doutor en Ciencias da Educación coa Tese "Os materiais curriculares impresos e a Reforma Educativa en Galicia", coa que obtivo un dos Premios Nacionais de Investigación Educativa na convocatoria 2000-2002.
O seu campo de traballo preferente céntrase nos materiais e recursos didácticos tanto en formato impreso como dixital. As súas publicacións, cursos, conferencias, actividades de formación, así como os proxectos de investigación que dirixe e dos que forma parte inscríbense neste campo. Participou en diversos grupos de traballo interdisciplinares na comunidade galega, elaborando materiais para centros educativos, municipios, asociacións e escolas rurais.
Impulsou os Premios EducaCompostela de Recursos Educativos a través dos que se pretende dar recoñecemento aos materiais educativos que polo seu valor e interese poden contribuír ao desenvolvemento educativo de Galicia, favorecendo a innovación, a calidade na educación e a renovación pedagóxica. Participou en proxectos e impartiu conferencias e seminarios relacionados con esta temática a nivel nacional e internacional. Ademais dos temas relacionados cos ámbitos mencionados, actualmente dedícase ao estudo do significado dos materiais en contextos sociocomunitarios e na escola rural. Forma parte de Ribeter (http://ribeter.org/) (Rede Iberoamericana de Educación en Territorios Rurais).
É membro do Movemento de Renovación Pedagóxica "Nova Escola Galega", Director da Revista Galega de Educación e Membro do Grupo Cavila (Grupo de Investigación de materiais educativos-Nova Escola Galega). No ano 2015 foi nomeado Colexiado de Honra polo Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia. Forma parte do grupo de traballo de Nova Escola Galega que organiza anualmente o Seminario Internacional de Avaliación de Materiais Didácticos e as xornadas sobre os materiais didácticos en Galicia (http://www.nova-escola-galega.org/).
Actualmente é presidente da IARTEM (www.iartem.org) (International Association for Research on Textbooks and Educational Media).