A presenza das tecnoloxías na miña vida

    Marta Quinteiro
    Por Marta Quinteiro

    Tal e como sinala a autora Sancho (2019) no seu artigo, as tecnoloxías estiveron e están presentes nas nosas vidas en diferentes ámbitos e situacións. Ademais, en moitos deses momentos as tecnoloxías resultaron ter un propósito educativo, de xeito que tamén participaron e participan no noso proceso de ensino-aprendizaxe.

        Neste senso, relacionando o artigo ca miña experiencia persoal, a miña primeira toma de contacto coas tecnoloxías foi a través dun ordenador de mesa que xa existía na miña casa previamente. Este ordenador era empregado polo meu pai para realizar búsquedas de información relacionadas co seu traballo ou, na meirande parte das veces, para pasar fotos da cámara dixital a un USB. Posteriormente, cando eu comecei a primaria, tamén empregaba ese ordenador de mesa para realizar tarefas de clase, cando estas requerían buscar información en internet. Ademais, noutras ocasións, cando tiña tempo libre e non podía saír de casa porque facía mal tempo, tamén utilizaba o ordenador para xogar a videoxogos cas miñas amigas ou cos meus curmáns. 

    Por outra banda, o primeiro dispositivo tecnolóxico que recordo que fose propiamente meu foi un reproductor mp4. Este adoitaba empregalo de maneira bastante habitual para escoitar música ou incluso para ver algún vídeo en YouTube, xa que tiña  acceso a internet. Despois deste primeiro dispositivo, no meu décimo aniversario, a miña familia regaloume un ordenador portátil, dado que me facía falta para realizar tarefas escolares. Este ordenador usábao principalmente para iso, xa que a partir dos últimos ciclos da primaria e máis adiante na secundaria a maioría das tarefas requerían realizar búsquedas de información en internet; mais cando xa era máis maior tamén o empregaba para ver series ou algunha que outra película. 

    Continuando na mesma liña, o meu primeiro teléfono móbil recordo que chegou relativamente tarde – aos doce anos –, xa que o resto dos meus amigos xa o tiñan. No meu caso, non me foi dado por excesiva necesidade, senón que era principalmente para que eu puidese comunicarme coas miñas amigas ou chamar aos meus pais cando fose preciso. Deste xeito, o uso que lle daba ao aparato era maioritariamente un uso social, dado que adoitaba empregalo para chatear coas miñas amizades ou, nalgunhas ocasións, para falar coa parte da miña familia que vive no estranxeiro. 

    Sobre a relación dos dispositivos co meu proceso de ensino-aprendizaxe, considero desde o meu punto de vista, que estes dous aspectos estiveron bastantes ligados ao longo da miña traxectoria académica, así como fóra dela. Neste senso, penso que, agás o móbil e os reprodutores mp4, o resto dos dispositivos tecnolóxicos cos que tiven contacto ao longo da miña vida estiveron estreitamente relacionados coa aprendizaxe académica, dado que na meirande parte das veces, estes eran empregados con fins educativos, ou máis ben, escolares. Porén, si é certo que, aínda que moitas veces me guiasen os meus familiares ou incluso algún mestre/a á hora de aprender a empregar os dispositivos, nunca tiven realmente unha guía sobre que usos darlle ou non a cada un deles.

    Finalmente, gustaríame destacar que, nalgunhas ocasións, o feito de ter ou non ter certos dispositivos tecnolóxicos afectaba directamente ao ámbito social. É dicir, por exemplo, recordo que cando eu era pequena, nunca tiven ningunha videoconsola como Wii, PlayStation, etc., que si tiñan os meus compañeiros/as e amigos/as. Isto provocaba que moitas veces, cando as miñas amizades falaban dalgún videoxogo, eu me sentise fóra da conversación porque non tiña ningún coñecemento sobre o tema. Máis adiante, isto repetíase dalgunha forma, cando todos/as comezaban a ter o seu primeiro teléfono móbil e posteriormente redes sociais e, o feito de non telo naquel momento, facía que te sentises algo incomunicada co resto do mundo. 

     

    Referencias

    Sancho Gil, J. M. (2019). De la tecnología para aplicar a la tecnología para pensar: implicaciones para la docencia y la investigación. Revista Latinoamericana de Tecnología Educativa, 18(1), 9-22. https://doi.org/10.17398/1695-288x.18.1.9 

     

    últimos comentarios

    Sin comentarios