Educación aberta, coñecemento aberto, software libre...ou pechado e propietario? Discusións e análise da problemática.

 

Este oitavo blog xira en torno á apertura da educación, do coñecemento e do software. Co fin de achegarnos a esta temática, primeiro farei unha breve aclaración terminolóxica, para poder discutir e analizar, a partir de aí, as vantaxes e inconvenientes que pode supoñer esta apertura. 

 

A Fundación Conocimiento Abierto (s.f.)  define o termo aberto como aquilo ó que “calquera pode libremente acceder, utilizar, modificar e compartir con calquera propósito (suxeito, ó sumo, ós requisitos que preservan a procedencia e á apertura)”. Este concepto, como vemos, pon énfase na liberdade de uso e modificación dos datos ou contidos, mais non na súa accesibilidade ou gratuidade, o que nos indica que os recursos, o software ou os coñecementos non teñen por que ser de acceso gratuito para considerarse abertos. O coñecemento aberto refírese, polo tanto, ó acceso libre á información, á investigación e á producción de novas aprendizaxes (Fundación Conocimiento Abierto, s.f.). 

 

Por outra banda, o movemento de software libre baséase e fai fincapé no respecto á liberdade dos usuarios e de toda a comunidade para executar, copiar, distribuir, estudar, modificar e mellorar os softwares (Duque, Uribe e Tabares, 2016). Pola contra, o software propietario ou privativo é aquel cuxo uso, redistribución e modificación está prohibido ou require o permiso expreso do seu titular. 

 

Para Valverde Berrocoso (2010) a educación aberta fundaméntase no concepto de coñecemento aberto e está inspirada no movemento de software libre. A finalidade deste tipo de educación é conseguir que calquera persoa no mundo, a través da conexión a Internet, poida acceder libremente á información científica, académica e cultural que representa o coñecemento humano. Deste modo, existe a posibilidade de utilizar, difundir, aprender e adaptar calquera tipo de material didáctico, denominado na educación aberta como “Recursos Educativos Abertos” (Valverde Berrocoso, 2010). 

 

Figura 1. Logo de Acceso Aberto. 

Fonte: MikeAMorrison (https://commons.wikimedia.org/w/index.php?title=User:MikeAMorrison&action=edit&redlink=1)  

 

Dende o meu punto de vista, o coñecemento e a educación aberta supoñen unha oportunidade para seguir creando contidos ou reutilizar aqueles que xa existían dunha forma moito máis sinxela, ó estar libre de restriccións, facilitando e fomentando a colaboración entre todos aquelas persoas interesadas neses coñecementos. Ademais, os Recursos Educativos Abertos poden ser empregados polo alumnado sen limitacións como as que si están presentes nos recursos analóxicos, tal como exemplifica David Wiley (2013) cando menciona que, de forma dixital, todo o alumnado podería ler o mesmo libro á vez, mentres que se tivesen usar o único exemplar en físico que hai dispoñible na aula terían que facelo un a un. Con este exemplo queda claro que os recursos educativos abertos presentan vantaxes tanto económicas como temporais, xa que producir materiais educativos soe ter un alto custo pora os/as estudantes e os centros educativos, do mesmo modo que tamén soe implicar ter que agardar ata que estes estean dispoñibles, algo que non ocorre a través de Internet. Ademais, Valverde Berrocoso (2010) destaca a importante vantaxe que supón poder reutilizar, recontextualizar e, en definitiva, adaptar os materiais educativos para aplicalos en diferentes contextos, linguas e culturas. 

 

Dende outro punto de vista, enfocado nos problemas ou desafíos que pode supoñer a educación ou coñecementos abertos, podemos atopar a posible falta de calidade, xa que os procedementos tradicionais para a avaliación dos coñecementos ou recursos son incompletos ou inadecuados (Valverde Berrocoso, 2010). 

 

Persoalmente, concordo coa perspectiva de David Wiley (2013) sobre a apertura, tanto na educación e no coñecemento como no software, pois este educador sostén que a apertura radica, fundamentalmente, na xenerosidade das persoas. Creo que a problemática xerada en torno a este tema non se basea tan só nas vantaxes ou inconvenientes que a apertura presenta, senón na actitude que cada un de nós teña cara ela. Deste modo, podemos situarnos, por unha banda, nunha postura máis egoísta, tratando de protexer e gardar a nosa propiedade intelectual ou, por outra banda, nunha actitude máis xenerosa, compartindo recursos e coñecementos cos demais. 

 

Considero que na educación é fundamental saber compartir, pois tal como afirma David Wiley (2013), esa é a única forma de educar. Se non se comparte o que un mesmo sabe ou coñece, non é posible que outros aprendan, polo que non hai educación. Cómpre, pois, desfacerse de posturas egoístas que non contribúen nin ó noso propio desenvolvemento como persoas nin ó dos demais. 

 

En definitiva, creo que a educación aberta, o coñecemento aberto e o software libre son unha oportunidade moi grande para mellorar continuamente a través da colaboración entre todas as persoas. Así mesmo, creo que, como futuros pedagogos e pedagogas, deberíamos ter en conta o papel fundamental que desempeña a apertura na educación e desenvolver unha postura crítica con respecto á temática que nos atinxe. 

 

Que pensades vos respecto a apertura? Credes que a educación debería ser sempre aberta?

 

Referencias bibliográficas: 

 

Duque Méndez, N. D., Uribe Hurtado, A. L. e Tabares Morales, V. (2016). Software libre para apoyo de los procesos educativos. Teknos Revista Científica, 16(1), 28-36. 

 

Fundación Conocimiento Abierto. (s.f.). Definición de Coñecemento Aberto 2.1. Open Definition. Recuperado de http://opendefinition.org/od/2.1/gl/ 

 

Valverde Berrocoso, J. (2010). El movimiento de “educación abierta” y la “universidade expandida”. Tendencias Pedagógicas, 16, pp. 157-180.

 

Wiley, D. [Projecto LATIn]. (2013, setembro 4). TEDxNYED David Wiley 03 06 10 YouTube. [Archivo de vídeo ]. Recuperado de https://www.youtube.com/watch?time_continue=18&v=vEyhhvRKCGw