

Do 3 ao 4 de setembro de 2015 celebrarase na Facultade de Humanidades da USC, Campus de Lugo, o Simposio de Verán “A escola de onte, hoxe e mañá: 3 claves, 6 desafíos”, no marco da Universidade de Verán 2015. Este simposio que conta coa colaboración da Deputación Provincial de Lugo, Concello de Lugo e APEGA, está dirixido por Mª Dolores Fernández Tilve, profesora da Facultade de Ciencias da Educación da USC e membro Stellae, e Gonzalo Francisco Fernández Suárez, profesor da Facultade Humanidades da USC, e ten como secretaria a Marta Poncet Souto, profesora da Facultade de Formación do Profesorado da USC. Trátase, polo tanto, dun evento intercampus, intercentros e transdisciplinar e no que participan relatores que sen dúbida gozan dun recoñecido prestixio.
A rapidez coa que se están a producir os cambios na sociedade de hoxe e a coxuntura económica vivida fai que a escola teña que adaptarse ás novas esixencias e demandas actuais. Porén faise máis necesaria que nunca a unión de sinerxías na ardua pero apaixoante tarefa socioeducativa. Neste senso, este espazo formativo ten como finalidade servir de foro de debate e discusión entre todos os axentes socializadores e colectivos implicados no traballo educativo (profesorado, familia, orientadores, directivos escolares, formadores de formadores, educadores sociais, sindicatos, membros de asociacións profesionais, medios de comunicación social, inspectores escolares, traballadores sociais, etc.) para así ser capaces de asumir entre todos os desafíos educativos de hoxe e mañá, partindo das claves de onte.
Agardamos que este evento sirva para poñer de manifesto as inquedanzas, así como as estratexias para afrontar os problemas educativos de hoxe e mañá, creando un diálogo crítico e construtivo entre todos e para todos.
Para máis información: http://www.usc.es/cultura/veran
Axuntamos o cartaz e tríptico. Agradecemos a máxima difusión posible. Animádevos!
Mª Dolores Fernández Tilve e Gonzalo Francisco Fernández Suárez
Directores do Simposio

