Please enable JS
  • slider21.jpg

No marco da Escola de Doutoramento Internacional e do Programa de Doutoramento en Equidade e Innovación en Educación, C. Denébola Álvarez Seoane, investigadora do GI Stellae, defendeu o pasado 25 de xuño na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela a tese de doutoramento Materiais didácticos en soporte impreso e dixital elaborados co apoio da administración local. Estudo prospectivo e descritivo na provincia da Coruña, baixo a dirección de Jesús Rodríguez Rodríguez e obtendo a cualificación Sobresaínte “Cum  Laude”.

A investigación realiza un estudo exploratorio dos materiais didácticos comunitarios elaborados na provincia da Coruña dende as eleccións municipais de 1979 á actualidade, referíndose a recursos educativos elaborados dende diferentes entidades como municipios, museos, asociacións, bibliotecas ou centros educativos, mais sempre con apoio da administración local (concellos e Deputación Provincial). Localizáronse, catalogáronse e analizáronse 1357 materiais didácticos comunitarios e describíronse os procesos de elaboración destes recursos explicados polos responsables municipais.

As conclusións da investigación poñen en valor a gran cantidade e diversidade de materiais didácticos comunitarios localizados e advirten da súa escasa difusión e distribución, facendo que en moitas ocasións sexan descoñecidos pola sociedade, polas profesionais da educación e polas entidades municipais que son destinatarias ou elaboradoras. Suxírese a necesidade de elaborar un banco de recursos ou repositorio provincial co fin de conservar e facilitar o acceso a todos os materiais que se elaboran dende estas institucións e que posúen un alto valor pedagóxico, educativo e social.

 

C. Denébola iniciando a defensa da súa tese de doutoramento

C. Denébola acompañada do seu director de tese e dos membros do tribunal