O estrés no malestar docente

O estrés no malestar docente. Por que ocorre? Que consecuencias carrexa?

 

O profesor tamén ten medos, dúbidas, anhelos, ideais. Canto maior é a súa expectativa e implicación coa docencia, máis probable é que o seu “ideal docente” choque coa realidade da ensinanza sentindo frustración e sensación de fracaso. Así, docentes excelentes que poñen o seu cerebro e alma ao servizo da vocación son vítimas do síndrome de Burnout ou síndrome do traballador “queimado”.  “Sexa cales sexan as características da súa personalidade, os individuos máis entusiastas e dedicados son os que presentan maior risco de padecelo, xa que son os que presentarán unha maior desilusión e disgusto ao comprobar a diferenza existente entre o marco ideal e real do seu traballo” (Broufenbrenner, 1979; Cherniss, 1980, 1989, 1990; Meir, 1983; Lee y Ashford, 1993 y Olmedo, 1997).

O docente é un modelo que proxecta sobre os seus alumnos, non só os seus coñecementos, tamén a súa propia forma de ser, a súa filosofía da vida, os seus valores e actitudes, e seu estado de ánimo. Un docente estresado terá dificultades para transmitir eficazmente aos educandos xa que a súa saúde laboral e psicolóxica afecta directamente no desempeño das súas funcións. A parte das dificultades e conflitos  normais aos que se enfronta calquera persoa, o docente enfróntase a un número elevado de alumnos, á desmotivación, ao  desinterés e aos conflitos e problemas de conduta. O seu traballo non consiste exclusivamente en impartir clase; debe preparar, actualizar coñecementos, corrixir exames e traballos, avaliar, atender titorías e revisións, ter reunións de equipo, etc. A sensación de presión pode verse aumentada polas reformas educativas, a innovación, a investigación e a esixencia de calidade. A profesión docente comporta un alto risco de padecer estrés tamén pola súa implicación emocional, froito do contacto directo  e continuado cos alumnos.

Vemos  que as causas que provocan a aparición do estrés laboral do docente son múltiples: a nivel organizativo por falla  de recursos materiais espaciais e persoais, por conflitividade cos compañeiros, falla de recoñecemento social, etc. A nivel operativo por mor da ratio excesiva profesor-alumno, atención á diversidade, presións do tempo...; a nivel interpersoal por falta de motivación dos estudantes, condutas disruptivas, pouca colaboración dos pais..; ou a nivel persoal por mor de expectativas laborais non cumpridas, baixa autoestima... (Schaufeli, 2005).

Como consecuencias negativas para a saúde, Moriana e Herruzo (2004), na súa exhaustiva revisión sobre as consecuencias do burnout para os profesionais docentes, salientan diversos estudos na poboación anglosaxona na que apuntan como principais  síntomas asociados ao estrés: o insomnio, a incapacidade para desconectar do traballo, a fatiga que aumenta a vulnerabilidade á enfermidade, dores de cabeza e de costas, taquicardia, enfermidades coronarias, etcétera. En España, o observatorio permanente de riscos psicosociais da UGT, no seu estudo de 2006 pon de manifesto as alteracións de voz, as enfermidades infecciosas, as lesións musculo-esqueléticas, as intervencións quirúrxicas e finalmente os problemas psiquiátricos (ansiedade, estrés e depresión) que poden padecer (FETE-UGT,2006). Parte deste colectivo recorre ao tabaco, alcohol, fármacos ou mesmo ao absentismo laboral para evadirse da súa problemática. Así varios sindicatos do sector educativo, avogan pola xubilación anticipada por ser a docencia unha profesión complicada e estresante, para que un novo profesorado afronte os novos retos persoais e educativos e releve a ese profesorado “queimado” despois de tantos anos como docentes.

Sen embargo debemos crer que existe unha solución alternativa a esa xubilación anticipada,relacionada co apoio formativo e psicolóxico (externo ou interno) para aqueles docentes estresados ou con risco de padecer a enfermidade, dirixido tamén aos demais docentes do centro para facer deste un problema de tod@s que se debe resolver dende a cooperación, dende a profesionalidade, compañeirismo e o cariño. Poderíase recorrir a dinámicas e técnicas de formación en grupo tanto cos mestres como cos alumnos. É un problema que debería estar nas mans de toda a comunidade educativa e non só do docente que o padece.

 

www.rieoei.org/deloslectores/1341Ayuso.pdf

www.uv.es/seoane/boletin/previos/N100-3.pdf