Proxecto final

Ao longo destas últimas semanas estamos a deseñar unha proposta de acción hipotética-real nunha aula de Educación Primaria. Con isto, preténdese conseguir abrirse á diversidade de aprendizaxes que se orixinan na aula xa que cada grupo traballa dende un entorno diferente polo que as experiencias e as conclusións resultantes serán distintas. 

No meu grupo estamos a desenvolver unha proposta para traballar algúns dos contidos curriculares da área de matemáticas, centrándonos na xeometría e relacionándoos cun espazo moi próximo ao alumnado como é o parque infantil. Desta maneira, o alumnado conectará a súa aprendizaxe coa propia realidade desde un punto de vista activo e reflexivo sendo capaz de resolver problemas mediante a utilización do GeoGebra. Este é un software libre, de xeometría dinámica e específico para o ámbito educativo. Pretendemos que o alumnado aprenda explorando e manipulando de maneira competencial a través da acción. Ademais, incorporaremos un diario de aula no que se poidan recoller as diversas experiencias de aprendizaxe de cada un dos/as alumnos/as. Todo isto permitiralle ao alumnado desenvolver competencias no uso das TIC, sendo partícipes de todo o proceso de aprendizaxe mediante a investigación, a experimentación e a reflexión, producíndose así unha aprendizaxe significativa.

Escollemos a ferramenta do GeoGebra porque nos pareceu un recurso educativo de fácil execución e instalación xa que ao ser de código aberto calquera individuo pode acceder a el, desenvolvendo diferentes actividades. Así mesmo, presenta unha gran cantidade de instrumentos de traballo e ofrece a posibilidade de que cada usuario constrúa as súas propias produccións mediante unha ensinanza na que prime a creatividade e o pensamento crítico, necesarios para a motivación do alumnado.

Se analizamos o uso desta ferramenta desde as dimensións do  “DIGCOMP: A Framewors for Developing and Understanding Digital Competence in Europa”, é dicir, o marco europeo do que se entende por competencia dixital, o GeoGebra non está recollido porque este documento non está deseñado para contornos escolares estritamente, senón que está pensado para o ámbito xeral.  

Para a realización deste proxecto estannos a resultar de gran utilidade os contidos traballados durante estes meses xa que é unha forma para poder aplicalos practicamente. Aínda así, atopámonos con algunhas dificultades á hora de planificar a proposta debido a que nos centrabámonos máis nos contidos curriculares que no tratamento da competencia dixital, sendo este un dos principais obxectivos deste proxecto.

REFERENCIAS

Ferrari, A. (2013). DIGCOMP: A Framework for Developing and Understanding Digital Competence in Europe. Dispoñible en: http://ftp.jrc.es/EURdoc/JRC83167.pdf

Pujol, R. (2008). GeoGebra en el actual sistema educativo. Uno, 1(47), 94-104.