"Desbancando" a aprendizaxe por competencias

Normalmente, nas clases desta materia adoito ter unha rotura de esquemas bastante notable, o normal é que comece a clase tendo unha serie de concepcións previas máis ou menos acertadas sobre un feito, para logo desmontalas todas ao longo da sesión.

Como non é de estrañar, o que vos vou contar agora, ocorreu unha destas situacións que acabo de describir. O fondo desta situación ven da man de Seymour Papert, un científico matemático que defende que os nenos/as teñen que construír o seu propio coñecemento coa axuda de elementos tecnolóxicos dixitais.

Pensándoo así en frío, o que acabo de explicar non ten nada de novidade que faga reflexionar, posto que nos nosos días as TIC son unhas das ferramentas máis empregadas nos procesos de ensinanza-aprendizaxe, (non me vou a meter en que realmente o cambio que supuxeron á súa incorporación ao sistema educativo é un lavado de cara dos recursos tradicionais porque isto daría para outra entrada sobre a competencia dixital).

Volvendo ao señor Seymour Papert, agora se vos digo que a súa proposta é dos anos 60, cómo vos quedades? Sinceramente eu quedei preocupada e permitídeme a expresión coa cabeza medio “volada”. Isto é así porque para min o emprego da tecnoloxía educativa cara a adquisición da aprendizaxe é algo da actualidade, non dende vai máis de 50 anos como se amosan nos vídeos que vimos. Ademais o concepto de innovación educativa quedoume algo descontextualizado e agora son moi crítica coas cousas que son denominadas “innovadoras”, posto que todo ou case todo xa está inventado ou foi proposto por alguén vai tempo atrás ao que non se lle deu voz porque aos intereses ocultos que dirixen e andan a deambular non lles agradou.

Deste xeito, no primeiro vídeo puidemos apreciar cómo un grupo de mozos/as interactúan cun ordenador, introdúcenlle códigos para crear melodías e gráficos. Despois diso, aparecían outro grupo de rapaces que programaban un robot cunha linguaxe específica en forma de comandos. Podemos apreciar que aquí estase a producir a aclamada aprendizaxe competencial, posto que están empregando a capacidade de aplicar os seus coñecementos para dar solución a un problema ou unha situación experimentado e interactuando coa realidade.

Todo isto era posible grazas ao Scratch, un programa que el mesmo deseñou para aproximar á programación ás aulas. Despois fixo unha adaptación do mesmo, Squeak, para tivera máis relación cos contidos curriculares.

Deste xeito, no segundo vídeo, observamos cómo un grupo de escolares empregaban esta ferramenta para aprender contidos relacionados coa ciencia e a tecnoloxía. Primeiramente o docente lles proponlles un problema e eles teñen que dar coa resposta a través das súas propias ideas creando unha simulación no programa.

O anterior curso, traballamos a indagación en ciencias e vimos diferentes aplicacións á aula desta metodoloxía. O que se propón con esta ferramenta ven sendo o mesmo pero sen a necesidade de ter un laboratorio na escola, posto que a única ferramenta que precisa é un ordenador, hoxe en día é máis común atopar un aula de ordenadores nas escolas que aulas destinadas ao uso de laboratorio. Tamén lle vexo moitas similitudes ao construccionismo de Papert, co constructivismo de Vygotsky posto que ambas correntes teñen en común o papel activo do estudante, o descubrimento como a forma natural da aprendizaxe e o novo rol do docente que pasa a estar nun segundo plano.

O que máis me sorprendeu e chocou de todo isto non foi o que se explicaba nos vídeos, nin a experimentación que fixemos na aula onde nos tivemos que poñer no papel duns alumnos de primaria que estaban descubrindo cómo funcionan os reloxos, o patrón lóxico matemático que dirixe a medida do tempo, senón que foron as notas que tiña o profesor gardadas de poñer isto en práctica con alumnos nunha situación cando estaba na Educación Primaria.

Non entendo como é posible que isto  non se leve a cabo en todas as aulas ou na maioría delas, tal vez non exactamente, pero a través metodoloxías similares; posto que son a mellor forma de fomentar o tan demando polas institucións o aprendizaxe competencial.