Todo ten o seu final

Toca poñerlle fin á materia de “Experiencias de Aprendizaxe na Era Dixital”, foron catro meses francamente intensos onde continuamente tiña a sensación de que se estaban a poñer en xaque todo o que aprendera nos estudos do Grado ata o momento.

No último día de clase expuxemos os proxectos que realizamos en grupo onde era preciso conectar a realidade cos contidos curriculares, como elemento vehicular de cada un deles eran a tecnoloxía educativa. Todas as propostas eran moi diferentes entre si, polo que a aprendizaxe foi moi enriquecedora. Todos os proxectos que fixemos e propuxemos ao resto dos compañeiros para min son innovación educativa, non sei se lle ocorreu ao resto pero tiven a sensación que a proposta supostamente innovadora que levei a cabo durante o Practicum III, non é nada en relación ás diferentes propostas que saíron

Ao longo das sesións desta materia fóronseme abrindo os ollos cara realidades que coñecía moi superficialmente e que nunca ata o de agora me chegara a cuestionar. Comezamos pouco a pouco coñecendo as nosas impresións iniciais sobre a materia e expectativas, para pasar a analizar a influencia que tiveron as TIC na nosa educación.

Deseguido, nos metemos de cheo a desarticular a situación actual das TIC nas escolas galegas. Así examinamos os diferentes proxectos existentes (ABALAR e E-Dixgal), neste apartado había elementos que xa antes me cheiraban a chamusco, todas elas relacionadas porqué dentro dun sistema público que en teoría é equitativo hai centro que participan en certos proxectos “innovadores” e outros non; ao que logo lle atopei a resposta grazas a que se cuestionaron os intereses verdadeiros que se agochan dentro destas propostas.

A partir deste intre xa ben contextualizados sobre o noso devir nesta materia, fixemos pequenas prácticas con soportes ven diferenciados (Wikipedia e Squeack) como medios cara unha adquisición dunha aprendizaxe significativa real. Tamén descubrimos un nove enfoque metodolóxico: o conectivismo, no que se pon en cuestión a educación actual fronte aos intereses do mercado e dos gobernos, así como a exaltación e defensa da creatividade cara a consecución de cidadáns críticos e autónomos socioeconomicamente.

Por último rematamos, a través do PLE. Durante todos estes meses estivemos traballando esta metodoloxía sen ser moi conscientes diso, posto que creamos o noso propio entorno de aprendizaxe e o compartimos cos demais (PNL). Incluso a elaboración do portafolio seguiu estas liñas, xa que realizamos producións individuais que logo as compartimos co resto de compañeiros/as.

Cabe destacar que non é o primeiro portafolio que realizamos, pero si foi o primeiro que compartimos cos demais. Este feito pareceume moi positivo, poder ter a posibilidade de ler o que opinan sobre algo no que ti tamén estar a escribir. Así obtiven diferentes puntos de vista sobre o meu propio que me axudaron a sentar unha base ben sólida sobre os contidos traballados ao longo destas sesións. Aínda que xa era coñecedora desta ferramenta, non chegara a considerar a opción de incorporala a un aula. Agora non concibo ningunha proposta a elaborar con nenos e nenas na que non se empregue a utilización dun portafolio.

Con esta materia desenvolvín unha actitude moi crítica cara o emprego das TIC na aula. Houbo moitos temas que me houbera encantado seguir discutindo en clase con moita máis profundidade e estou segura de que hai temas tamén importantes que por falta de tempo non puidemos ver en clase. Por iso toda información que  ven a parar a miñas mans sobre esta temática: as TIC e a educación a analizo criticamente e busco máis información sobre  o que se está dicir. Son consciente de que as TIC son un medio moi poderosos para aprender pero non podemos deixar que nos guíen.

Ademais, no mundo de cambios constantes no que vivimos, a rede é unha gran ferramenta que nos permite compartir, reflexionar cara a construción de coñecementos de xeito activo onde a aprendizaxe significativa cobra especial relevancia.

Comecei o curso un pouco temerosa do devir desta materia, pero estou moi contenta con habela escollido, de feito considero que debería ter máis importancia e ser de carácter obrigatorio, coma unha continuación da materia de primeiro Escola, Comunidade e TIC.

Todo o que fomos tratando ao longo do curso penso que ten moita importancia e está especial conectado co noso futuro coma docentes. Non me vou a embrollar máis, so que lamento enormemente que eleminaran a mención en TIC.

 

Ata próxima!

 

 

 

PD:  Asisto a clases de inglés, un día debatendo sobre os cambios e melloras que produciu á incorporación da tecnoloxía á educación non puiden evitar en facer un pequeno resumo dos aspectos que traballamos ao longo deste curso. O que máis me chamou a atención é que aínda que o profesor está familiarizado coas TIC e as empregamos todos os días en clase, nunca se parara a pensar no que lle estaba contando.