Elaboración do proxecto

Como todo, a materia de Tecnoloxía Educativa e o curso da súa man, están chegando ao seu fin. Nestes últimos días vivimos coa presión de entregar os últimos traballos á vez que nos dispoñemos a comezar ou a continuar co estudo, preparando os exames. Para rematar coas miñas entradas e buscando un momento entre materia e materia, gustaríame falar do desenvolvemento do nosos proxecto e que supuxo para min a elaboración do mesmo.

A idea de realizar un proxecto asustoume nun principio, xa que facía nada que terminaramos de elaborar o noso proxecto de Practicum que supuxo un traballo constante e un gran esforzo (creo que para todos). Cando comezamos a aventura de situarnos e intentar establecer un ámbito no que desenvolvelo, as dúbidas xurdiron por todas partes. Despois das charlas que nas clases expositivas nos deron as mozas, coñeciamos moitos máis ámbitos e dimensións sobre os que se podía traballar. Finalmente, decantámonos pola dimensión educativa, xa que é a que máis preto temos e, polo tanto, a que mellor coñecemos.

Unha vez que tiñamos claro o ámbito, escollemos o lugar no que se levaría a cabo. Decidimos escoller o meu instituto, xa que eu coñecía as deficiencias tecnolóxicas que nel existen non só polos anos que alí cursei, senón porque teño familiares que alí estudan e polo que me comentan as metodoloxías e os usos tecnolóxicos seguen sendo os mesmos.

Tendo claro o punto de partida, a elaboración do proxecto foi sinxela e non tivemos demasiadas complicacións. O persoal do instituto colaborou en todo o que lles pedimos, cousa que nos facilitou o proceso.

Agora ben, situámonos no meu maior temor: a elaboración dun vídeo. Teño que recoñecer que pasei días e días preocupada por como o fariamos, xa que ningunha de nós tiña coñecementos nin o material necesario para realizalo. Despois de moito matinar, tivemos unha boa idea e penso que o noso vídeo representa o que queremos trasmitir para presentar o proxecto. O vídeo, por certo, está dispoñible en Vimeo e podedes velo cando queirades!

A modo de conclusión e baseándome no fin do noso proxecto, considero que os centros educativos deben prepararse para afrontar as novas tecnoloxías. No noso caso puidemos ver que aínda que estas están presentes, non se lles saca todo o proveito que teñen, limitándoas ás clases de informática nas que nin tan sequera se realizan accións proveitosas con elas. Do mesmo xeito, isto implica a necesidade dun cambio non só metodolóxico, senón de mentalidade. Como xa dixen en numerosas ocasións, este cambio debe centrarse tanto en profesores como en alumnos. Os docentes precisan ter a información necesaria para aplicar metodoloxías que impliquen as novas tecnoloxías e, para iso, precisamos convencelos de que non son inimigos, senón máis ben amigos que nos complementan como educadores. Os alumnos son nativos dixitais que precisan non unha educación para o seu emprego (que en parte tamén) senón máis ben, unha formación de valores e condutas que lles permitan facer un uso responsable e adecuado.