Primeiras sensacións ...

Despois destas primeiras sesións da materia Tecnoloxía Educativa, comeza esta nova andaina chea de ilusións e entusiasmo, enriquecida, de primeira man, con fortes sesións reflexivas e interactivas.

Fundamentalmente, a través da curtametraxe "El elefante encadenado" dáse conta en primeiro lugar dunha idea moi presente e case desapercibida no noso día a día. A idea do non poder. Trátase dun concepto moi interesante a modo de introducirnos nesta materia no eido das novas tecnoloxías, posto que moitas persoas ven este mundo como un espazo cheo de complexidades.

Non obstante, como se intenta transmitir no vídeo, debemos ser conscientes das nosas actitudes e aptitudes, como tamén de aproveitar toda oportunidade. Débese fomentar o emprendemento e o ser independente, facer bo uso e colaborar coas tecnoloxía para avanzar e progresar, pero sen deixarnos manipular ou controlar. Usar a tecnoloxía, pero non ser usados por ela.

Somos seres sociais, que temos a necesidade de comunicarnos. As redes sociais son unha realidade coa que convivir día a día, porén existe a necesidade de traballar con elas. Son de todos e para todos. A rede stellae é unha oportunidade para mellorar e continuar nesta labor nun espazo cercano e no que todos podemos interactuar, aportar e colaborar. Stellae demostra ser un proxecto interesante e curioso que pouco a pouco irá collendo forma e forza.