Ángela Rodríguez

Estudante de Pedagoxía na Universidade de Santiago de Compostela

A educación na sociedade do coñecemento

Seguindo as directrices de Adriana en canto a como poder mellorar a miña participación no blog, decidín engadir a este post ideas sacadas dun vídeo que atopei na rede e me pareceron realmente interesante. Este trata acerca dun tema que non só abordamos na aula, se non do que somos partícipes: a Sociedade do coñecemento.

O vídeo ao que fago referencia é denominado La educación en la sociedad del conocimiento, e nel a profesora da UNED, Beatriz Tasende Mañá, ofrece unha “videoclase na cal presenta unha descrición xeral da situación actual da educación dentro do marco da Sociedade do coñecemento”.

Para este post plantéxome unha serie de cuestións: estamos a vivir unha 4ª Revolución industrial? cales son as características desta Sociedade do coñecemento? E o que máis nos incumbe... que papel xoga a educación nesta sociedade?

Unha das miñas compañeiras, Lucía Lareo, elaborou un post titulado ¿Qué es la 4ª Revolución Industrial?, no cal expón a seguinte definición: “una revolución tecnológica que modificará la forma en que vivimos, trabajamos y nos relacionamos[...]”. Eu engado, ademais, que modificará (e xa está modificando) a forma de educar, as metodoloxías, os recursos, a formación dos docentes, a estrutura e organización do sistema educativo, o currículo e habilidades a conseguir por parte do alumnado, os modelos educativos... Persoalmente, creo firmemente que estamos sendo partícipes dunha 4ª Revolución Industrial, pois os cambios axigantados e tan acelerados aos que está sometida a sociedade actual son dignos da palabra “revolución”. Só espero que os feitos que se están sucedendo aporten avances positivos para todos os ámbitos da sociedade e todas as persoas do mundo, pois non hai que esquecer que, nalgúns lugares do planeta, a tecnoloxía segue sendo unha utopía.

Logo de deixar constancia da miña postura de cara á 4ª Revolución Industrial, gustaríame facer referencia á videoclase da Profesora Beatriz Tasende. Esta define educación como un factor esencial para o progreso e desenvolvemento da sociedade, pero plantexa a seguinte cuestión: da resposta a educación ás esixencias do noso tempo?

Se de algo me concienciei ao longo dos tres anos que levo cursado o grado de Pedagoxía, é o obsoleto que se está a quedar o modelo tradicional de educación (o cal vivín en primeira persoa ao longo da miña escolarización) respecto da sociedade actual. Aplicar novas tecnoloxías nos centros educativos que os mestres non saben ou non teñen interese en empregar, así como utilizalas simplemente como apoio para variar lixeiramente as metodoloxías tradicionais, son situacións que non deberían, ao meu parecer, ser denominadas como “innovación”, “evolución”, e demais nomeamentos que se prestan para designar a inversión en aparellos electrónicos que se gardan (en numerosos casos) en caixas pechadas nas escolas.

O fomento da autonomía do alumnado para o desenvolvemento da súa propia aprendizaxe permanente, aprender a acceder á información e transformala en coñecemento útil, de maneira que sexa posible adiantarse aos coñecementos e adaptarse a eles, aprender a facer... son competencias que menciona a profesora Beatriz Tasende e que a educación actual debería fomentar, pois esta será a base sobre a que o alumnado progrese, medre e madure na sociedade actual: a Sociedade do coñecemento. Pero non só é importante o desenvolvemento de competencias no alumnado, tamén os docentes deben ser partícipes desta “revolución” e adaptarse aos novos tempos, acollendo os medios e recursos que se poñen á súa disposición, interesándose sobre como empregalos, adquirindo competencias dixitais, aprendendo novas maneiras de ensino, impulsar un uso ético das TIC, cuxa finalidade sexa a de formar suxeitos críticos, activos e creativos. A importancia la aprendizaxe permanente neste eido é fundamental.

Outros aspectos mencionados no vídeo que, penso, deben formar parte dos cimentos da educación actual son: a solidariedade (entre o alumnado, e entre estes e os docentes); a participación activa e autoresponsable na sociedade; e, non menos importante, a felicidade.

Rematar sinalando, ao igual que en noutros post publicados anteriormente, como no titulado A tecnoloxía nas aulas...innovación?, a papel positivo que, opino, poden ter as tecnoloxías na educación no caso de empregalas adecuadamente. Ademais, recalcar a importancia da educación na Sociedade do coñecemento, unha sociedade na que a accesibilidade á información, a comunicación instantánea, a globalización e os cambios constantes son unha realidade.

Por último, propoño, de cara a reflexionar entre todas/os acerca deste tema, unha frase que me chamou poderosamente a atención na última clase: “El siglo del conocimiento puede ser el siglo de la ceguera” (Edgan Morin).

Adxunto o vídeo por se a alguén lle resulta de interese:

Tasende, B. [UNED cursos]. (2015 febrero 2). La educación en la sociedad del conocimiento.

 

Comentarios

  • Lucía Lareo

    Hola Ángela! 

    Quería decirche en primeiro lugar que considero que fixeches unha aportación moi interesante ao tema da 4ª Revolución Industrial. Do mesmo xeito, quería engadir que, ás veces, non só é problema de que os mestres non saben ou non teñen interese en empregar as novas tecnoloxías, se non que, en ocasións vense condicionados polo contexto no que se localiza a súa institución. Un exemplo disto é a mala conexión a internet coa que contan moitos centros, restrinxindo as actividades ou proxectos que se poidan levar a cabo no que a novas tecnoloxías se refire. 

    Por último comentarche que, a definición que empreguei de 4ª Revolución industrial é do autor Klaus Schwab, quen publicou no ano 2006 o seu libro ​La cuarta revolución industrial, sendo a súa editorial Debate​, déixoche aquí as súas referencias por si te animas á súa lectura. 

    Un saúdo!