A sociedade da información

A que nos referimos cando falamos de sociedade da información ou sociedade do coñecemento?

Nesta entrada, quero facer referencia á primeira clase expositiva que tivo lugar despois das prácticas, na cal abordamos  o tema da sociedade da información. Nun primeiro momento, levouse a cabo unha choiva de ideas, na que, por grupos de dúas persoas, tiñamos que que destacar dúas palabras relacionadas coa sociedade da información. As dúas palabras que consideramos oportunas foron: comunicación e sobreinformación. Logo, tendo en conta todas as palabras que foron xurdindo na choiva de ideas, debiamos construír un pequeno texto con todas elas, e o resultado deste foi o exposto a continuación: “sociedade globalizada mediante o progreso e a innovación tecnolóxica, na que a privacidade, a accesibilidade e a inmediatez, dan a oportunidade para recoller información fiable e inmediata. Pero o exceso de información produce certos riscos que repercuten na sociedade”.

De seguido, á vez que visualizábamos un vídeo sobre a Sociedade da Información, debíamos anotar todos aqueles conceptos que non saíran previamente na choiva de ideas. O vídeo reflexaba á perfección os cambios que se foron manifestando ata a época da era dixital; e incidía en que os cambios acontecen no momento histórico axeitado e oportuno. Estes cambios tiveron o seu inicio na Ideade Media, coa invención do reloxo e a consecuente preocupación polo paso do tempo. Anos máis tarde, o tipo de consumo e de produción foron axentes de cambio, coa Revolución Industrial. Finalmente, nos anos 70, nace a denominada era dixital, coa invención da computadora.  Deste xeito, podemos comprobar tamén o cambio nas estruturas sociais e no poder, así como na substitución do consumo polo coñecemento.

O certo é que a sociedade avanza a pasos axigantados, polo que non somos conscientes da cantidade de avances que van xurdindo nun período de tempo tan curto, pero tampouco do estilo de vida no que nos vemos inmersos.

A continuación deixo un vídeo moi interesante elaborado para o 17 de maio, Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información. Trata de reflexar a realidade das TIC nas aulas, e a influencia positiva das mesmas na sociedade actual. Ademais das oportunidades que ofrece, tales como inserción laboral, etc.