"Técnica do Acuario". Comprender e redireccionar as prácticas de asesoría. Domingo Segovia.

     Durante a pasada sesión do 31 de Outubro levouse a cabo o desenvolvemento da “técnica de acuario” ou tamén chamada “técnica da cáscara de cebola” para analizar o texto: Comprender e redireccionar as prácticas de asesoría de Domingo Segovia.

                                           image

     O nome de dita técnica débese a colocación que se fai dos participantes, pois para o seu desenvolvemento é preciso formar tres círculos; o primeiro deles está composto polos expertos que se encargan de debater entre eles un tema concreto (neste caso o texto anterior); o segundo deles composto polos observadores críticos que se encargan de contrastar ou matizar as ideas aportadas polos compoñentes do círculo interno ; e o terceiro deles composto polos observadores restantes que ao final comentan o que lles parece máis oportuno.

     A través desta técnica favorecese a aprendizaxe dun tema mediante a análise e a síntese da información, pescudase no coñecemento dun tema, avalíase o grado de dominio que posúe o grupo sobre o tema e propiciase un ambiente informal para o análise de dito tema.

     A sesión desenvolveuse en tres partes.

     Na primeira delas o grupo de expertas tratou de indagar dunha forma moi clara e ampla nos aspectos máis significativos do texto de Domingo Segovia.

     Para iso comezaron falando dos factores do contexto que fan que este autor se propoña redireccionar as prácticas de asesoría. O autor fala dunha ausencia de reflexión e de que as políticas educativas non están favorecendo esas situacións de reflexión pois esas políticas non se establecen dende dentro senón dende fóra.

     Nun segundo apartado trataron de analizar as luces e sombras que se poden atopar nas accións da asesoría. En referencia a isto, debemos repensar o que se entende por colaboración e se en verdade está a existir esa verdadeira colaboración. O autor sitúa o asesoramento nun novo marco da acción, a escola en sí mesma, polo que o  cambio debe ter o seu inicio na escola, e os propios docentes deben ser os axentes dese cambio.

     No terceiro apartado tratáronse os modelos de actuación. En relación a isto, o autor indica que non existen uns modelos mellores que outros, senón que se deben integrar e aproveitar todos os puntos fortes de cada un. En canto aos modelos de experto estes diríxense a diferentes ámbitos: contidos o especialistas nun ámbito de actuación; procesos ou xerais; e  contidos. En función aos estilos de actuación temos: estilo directo e estilo indirecto, e segundo sexa a súa ubicación falamos de modelos internos e externos.

     Finalmente, o último punto tratado facía referencia ao que debemos facer nós como profesionais para crear unha boa escola. Para conseguilo é preciso ter en conta que se debe lograr crear un traballo conxunto entre todos no que se traballe “con” en lugar de intervir “en”. O noso traballo como futuros asesores non se limita a resolver problemas senón a acompañar e guiar á comunidade educativa. Así pois, non podemos converternos en profesionais prescindibles, senón que progresivamente os docentes e o resto de profesionais deben ser capaces de propoñer solucións, de tal xeito que o asesor se vaia mantendo ao marxe ata que a súa acción xa non sexa esencial. É preciso que todos nos sintamos partícipes desa proposta de mellora e saber que temos un papel fundamental nela.

     Na segunda parte da sesión, tocoulles intervir ao círculo das observadoras críticas, as cales tiñan un papel difícil pois logo de todo o tratado polo círculo interno apenas lles quedaba algún aspecto que rebater ou cuestionar. Aínda así introduciron un debate interesante acerca de se as reunións que se desenvolven nos centros son un mero trámite burocrático ou se en realidade o que se reflexiona nelas se leva a cabo. En relación a isto chegouse á conclusión de que é preciso ser prudentes á hora de valorar a situación e non facer unha xeralización sen ter coñecemento en profundidade de todas as prácticas que se desenvolven nos centros. Sempre adoitamos destacar os aspectos negativos, pero iso non quere dicir que non existen realidades moi proveitosas e moi positivas.

     Na última parte da sesión, o resto de observadores, puidemos expresar as nosas impresións acerca do tratado anteriormente.

     Persoalmente considero que o emprego desta técnica foi unha experiencia moi enriquecedora, pois o tema que se trataba sintetizouse dunha forma moi clara e ao traballalo desta forma resultou moito máis dinámico. Xa por último só quero felicitar ás compañeiras que participaron no desenvolvemento da técnica porque o fixeron realmente ben.