• Blogs
  • ...
  • Educación en casa. "Homeschooling"

Educación en casa. "Homeschooling"

Nesta entrada ó blog comentarei unha noticia que apareceu no xornal “El País” hai tres días e na que se fala sobre unha situación que se está a vivir en Cataluña actualmente e que fai referencia ó feito de que cada vez son máis as familias que deciden educar ós seus fillos no fogar, é dicir, ofrecer unha educación no seo da familia, unha práctica que recibe o nome de “homeschooling”.

 

http://ccaa.elpais.com/ccaa/2012/12/23/catalunya/1356291643_409467.html

 

  Homeschooling

 

En Cataluña xa son medio millar as familias que se acollen a esta iniciativa, crecendo o número un 15% nos últimos anos. Ademais, a Lei de Educación de Cataluña recoñece a ensinanza obrigatoria non presencial, aínda que os seus partidarios esixen que se cree un censo familiar para que non se confunda esta práctica co absentismo escolar.

A filosofía do “homeschooling” senta as súas bases na idea de que os nenos e nenas marquen os tempos de aprendizaxe, seguindo os seus intereses a aprendizaxes, sendo os país unha figura de guía da aprendizaxe.

Agora ben, os detractores da iniciativa, como a Asociación de profesores Rosa Sensat,  empregan como argumentos a preparación pedagóxica dos pais así como a correcta socialización dos nenos.

Persoalmente, posiciónome nunha situación contraria a esta iniciativa, defendendo tamén os argumentos que acabo de sinalar, pois creo que a educación no seo familiar esquece unha dimensión fundamental, que é a socialización dos nenos. Digo isto xa que pola experiencia propia (asistín a unha gardería antes de ter uso de razón), non hai mellor aprendizaxe que a que se realiza nun grupo, nese grupo de amigos, de non tan amigos, de persoas coas que xogar e coas que non xogar, persoas máis intelixentes e persoas menos intelixentes...; pois é esa aprendizaxe en sociedade a que nos converte en persoas preparadas para desenvolverse plenamente na sociedade civil e preparadas para interactuar e relacionarse coas demais persoas.

Fálase na noticia que as familias que se acollen ó “homeschooling” afirman que as excursións que fan e os encontros con outras familias na mesma situación suplen a ausencia de máis nenos, pero aínda así e todo, a socialización non debe de ser algo que se cree, non temos que crear momentos para socializarnos, pois a socialización é unha característica (ou máis ben un regalo) innata da que temos que desfrutar.

Ademais, o argumento da preparación pedagóxica tamén me parece moi defendible, pois haberá casos familiares nos que os pais teñan grandes coñecementos pedagóxicos (ó mellor por ser profesores, pedagogos ou persoas interesadas pola educación) e haberá casos nos que non terán tanto coñecemento pedagóxico, e nos que incluso estaremos ante pais con grandes coñecementos e cultura, pero con poucos coñecementos sobre educación e ensino-aprendizaxe. Polo tanto, considero que non hai mellor lugar para aprender que ese lugar que se creou especificamente con esa finalidade, ese lugar no que son profesionais da educación os que se encargan dela. Ademais, na noticia un pai afirma que se teñen que actualizar dun xeito seguido, pero ¿Tódolos pais o farán? ¿Quén se encarga da súa formación pedagóxica continua e incluso nalgúns casos inicial?

E xa para rematar, gustaríame dicir, que esta iniciativa amosa unha desconfianza contra o sistema educativo sen precedentes. Está claro que en moitas ocasións non é todo o bo que desexasemos, pero tampouco o son os hospitais, nin os médicos, nin o transporte público... pero sen lugar a dúbidas o sistema educativo é de todos, é algo do que todos formamos parte e algo que ten que seguir adiante co apoio de todos, pois iniciativas como esta non sirven de ningunha axuda, pois evadirse do problema nunca axudará a mellorar cara unha solución.