O MEU PRIMEIRO DÍA COMO ASESOR

Nesta entrada, deixei voar a miña imaxinación, ata situarme na idílica situación de atopar traballo como asesor nun centro educativo, para o que redactei un pequeno relato sobre como sería para mín ese día. Espero que o desfrutedes! 

O MEU PRIMEIRO DÍA COMO ASESOR

Por fin chegou o tan ansiado día que levaba agardando durante bastante tempo, atopei traballo como asesor nun centro educativo. Hoxe foi o meu primeiro día de traballo, tal e como tiña previsto, hoxe pola mañá, levanteime ben cedo, almorcei e deseguido marchei para o colexio. Fun un dos primeiros en chegar, tanto é así que cheguei ó mesmo tempo có conserxe para abrir o colexio.

Pouco despois chegou a limpadora, unha señora moi agradable que me saudou afectuosamente e me advertiu que a miña tarefa non era doada, xa era o 3º que deixaba o posto, por vontade propia. Quedei un anaco inmóbil, ata que de pronto chegou o director, que me foi presentado ó resto de docentes que ían chegando, pouco despois acompañoume ó que sería o meu lugar de traballo, o departamento de orientación.

Con tan só botar unha ollada, puiden ver que os recursos brillaban pola súa ausencia naquel centro ó igual que a orde e a limpeza. Moitos informes de alumnos estaban en paradoiro descoñecido, o único que estaba perfectamente organizado eran os montóns de periódicos deportivos que lía a diario o meu antecesor.

Ante tal situación, era evidente que os poucos documentos alí existentes non me aportarían unha información verídica que me permitise situarme no contexto do centro, polo que decidín consultar o proxecto educativo, para coñecer un  pouco máis da vida do centro. Este segundo intento tamén foi en van, pois o documento que me mostraron levaba aproximadamente uns 20 anos desactualizado, as súas páxinas escritas á máquina e de cor amarelo, reflectían perfectamente o paso do tempo.

As instalacións alí descritas non coincidían nin o máis mínimo coa realidade actual, polo que puiden concluír que a cultura de traballo cooperativo non era un dos puntos fortes daquel centro.

Os primeiros días limiteime a recoller e organizar aquel despacho, así como a desempeñar o que naquel centro se entendía como a labor do asesor, é dicir permanecer inmóbil no despacho á espera de que algún docente derivase unha solicitude de valoración dalgún alumno.

A medida que fun collendo confianza, comecei a facer patente a miña función de axente de cambio. O primeiro cambio ou máis ben poderíaselle chamar necesidade, foi a de xestionar os trámites necesarios para a compra de material novo para o departamento, pois ata o de agora os recursos existentes limitábanse a un vello ordenador, papel e lapis.

Nun primeiro momento esta medida non foi ben acollida en xeral, pois supuxo un gasto importante e para moitos innecesario. Entre os novos recursos atopábanse manuais de probas psicométricas, ordenadores, tabletas e diverso material audiovisual. Pouco a pouco, fun gañando prestixio, pois comezaron a ver que aquela inversión daba os seus froitos, podían poñer en práctica novas formas de ensino-aprendizaxe que daban resultados frutíferos, o alumnado estaba máis motivado e polo tanto aprendía mellor e máis rápido. Foi a partir deste momento cando todos comezaron a seguir os meus pasos, comezaron a formar unha comunidade de aprendizaxe coomprometida camiñando todos xuntos cara o cambio.

Sen dúbida non foi unha tarefa fácil, pero coido que tendo o respaldo dunha comunidade sólida tan só se precisa esforzo e constancia, para conseguir todas aquelas metas que nos propoñamos.