Informe e análise sobre a técnica acuario na sesión do 06/11/13

Nesta entrada do blog quero aproveitar para describir en qué consiste esta técnica, cómo se desenvolveu no noso grupo-clase, qué ideas interesantes saíron a raíz do seu uso, e para qué nos serve a mesma.

Esta técnica coñécese co nome de técnica acuario ou cáscara de cebola. Neste caso ten máis senso empregar o primeiro termo, pois o grupo-clase dividiuse en tres subgrupos, dous dos cales recibiron nome de animais mariños. Polo tanto a división foi así:

-Subgrupo peixes

-Subgrupo quenllas

-Subgrupo observadores

Ámbolos dous primeiros subgrupos estaban conformados por tres persoas cada un, mentres que o subgrupo de observadores era máis numeroso, xa que estaba constituído polo resto da clase. Tódolos subgrupos tiveron como tarefa ler o texto ¿De dónde viene la crisis de la profesión docente? de José Gimeno Sacristán. Nembargantes cada subgrupo tería un papel distinto que desempeñar o día da sesión da técnica acuario:

-Os peixes serían os responsables de expoñer as principais ideas do autor.

-As quenllas engadirían aqueles aspectos que considerarían necesarios nomear e que os peixes non citaron.

-Os observadores, observarían.

Así escrito parece que a técnica acuario é unha mera sesión expositiva, pero non o é. É algo moito máis complexo que a continuación coas miñas propias palabras quero explicar.

Comezamos a sesión dispoñendo tres cadeiras máis ou menos no medio da clase, onde se sentarían os peixes para expresar as ideas principais do texto de Gimeno, e que foron as seguintes:

-Os cambios no medio social, cultural, político e económico como xeradores de crises a distintos niveis.

-Os cambios nas relacións de interdependencia entre educación-contexto, nas relacións entre os suxeitos implicados (familia, profesores, alumnos, comunidade), nas demandas á institución escolar e tamén, nas funcións dos axentes educativos e as súas relacións. Cambios que afectan á escola, e que por non saber entendelos e explicalos producen unha situación de crise na educación.

-O contexto educativo constantemente influído e afectado polos cambios que se producen no medio social, cultural e político económico, o que produce que estea en permanente crise.

-A crise como algo positivo que hai que afrontar con coñecementos.

-Necesidade dun papel activo dos profesores nunha situación en permanente crise para que se adapten as novidades, saiban negociar, presentar solucións e defendelas, e tamén se acostumen a traballar no e para o cambio.

-Estes cambios afectan a identidade persoal e profesional do docente e implican a necesidade de forxar unha nova identidade.

-Os cambios que se están dando demandan novas necesidades na escola que colisionan coa realidade actual da profesión docente:

  • Os políticos non teñen en conta aos profesores á hora de facer reformas educativas
  • Inexistencia dunha formación continua obrigatoria do profesorado 
  • Profesores de secundaria con nula formación pedagóxica
  • Profesores que pasan demasiado tempo nas aulas, sendo axenos ao que acontece noutros contextos
  • Sistema de promoción baseado na antigüidade

Unha vez exposto isto, as quenllas ligaron o exposto a temas tratados ao longo da materia de Formación do Profesorado:

  • Informes PISA como a perspectiva internacional que afecta á imaxe do profesorado.
  • LOMCE. A lei elaborada sen a participación do profesorado. Polo tanto, consecuente desvalorización do mesmo como suxeito de cambio que inflúe na sociedade.
  • A sociedade de coñecemento xera a necesidade de ter profesores catalizadores que saiban adaptarse aos cambios (texto de Hargreaves).
  • A falta de compromiso dos docentes explicada dende a Modernidade Líquida de Z. Bauman.
  • A importancia do profesorado como o profesional que media entre a escola e a sociedade.

Despois de todo isto, tiveron lugar distintas intervencións de persoas de distintos subgrupos, mediadas por un moderador, para respetar turnos e ser todos oídos. As ideas que saíron trala exposición dos peixes e as argumentacións das quenllas foron as seguintes:

  • Contradicción entre a importancia da responsabilidade compartida da educación e a familia, e a disvinculación actual da escola-familia.
  • Contradicción entre a necesidade eminente da formación do profesorado debido aos cambios que se están dando no mundo, e a inexistencia dunha formación seria e obrigatoria do profesorado.
  • Teoría versus Práctica. Necesidade de máis práctica que teoría? Necesidade de máis teoría que práctica? Ou ningún dos extremos é o correto?
  • Pouca valoración da educación por parte da sociedade española, segundo os informes CIS de educación.
  • Falta de compromiso por parte dos profesores
  • Falta de sensibilidade política
  • Necesidade de que os profesores aprendan a traballar en equipo
  • Necesidade de que os profesores asuman os cambios como retos profesionais
  • Recursos versus calidade
  • Interpretación reduccionista dos Informes PISA polos medios de comunicación

Así pois, o que xerou esta técnica foi que ligásemos o texto de José Gimeno Sacristán a teoría que fomos traballando ate o de agora no blogstellae e na aula coa profesora, así como tamén a realidade que nos rodea. Tamén xurdiron reflexións moi interesantes que espertaron polo menos en min, a necesidade de profundizar máis en certos conceptos como por exemplo a teoría e a práctica. Isto será o que intentarei facer na miña próxima entrada. Aburiño!

O pensador nas redes sociais