O entorno dos centros educativos e a aprendizaxe: España vs. OCDE e UE.


Bárbara Márquez Vilela

Nuria Pazos Hermida

Silvia Piñeiro Suárez

Silvia Puga Castro


Unha das sesión interactivas da materia de Formación e Desenvolvemento Profesional do Profesorado a dedicamos a analizar o Informe español do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, “Panorama da educación: Indicadores da OCDE 2013”.

Todos os anos a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE) elabora un informe co obxectivo de analizar a evolución dos diferentes sistemas educativos, o seu financiamento e o impacto da formación no mercado de traballo e na economía dos diferentes estados membros desta mesma organización. Os datos incluídos neste informe refírense ao curso académico 2010-2011 e baixo varios apartados que analizan e avalían os sistemas educativos pódense comparar os resultados entre os países. Este informe abarca especificamente os indicadores e estatísticos correspondentes ao estado español comparando os resultados coa media marcada pola OCDE e a Unión Europea (UE). Concretamente no informe analizado trátanse catro aspectos:

  1. A expansión da educación e os resultados educativos
  2. Beneficios sociais e económicos da educación
  3. O financiamento da educación
  4. O entorno dos centros educativos e a aprendizaxe.

 

Nesta clase interactiva centrámonos neste último apartado “O entorno dos centros educativos e a aprendizaxe”. Para elo, os seis indicadores que se inclúen neste apartado foron divididos entre os asistentes da clase dando lugar así a seis subgrupos cada un encargado de ler, analizar e posteriormente expoñer aos demais un indicador concreto.


4.1.            Horas de ensinanza

Este primeiro indicador é o que nos tocou a nós as catro traballar.

Nel se expón por unha banda, que o número de horas de clase obrigatorias para os alumnos de Educación Primaria e Secundaria, en case todas as idades, en España é superior á media da OCDE e da UE habendo diferenzas notables entre os países.

Como se amosa na gráfica seguinte, o estado español aparece situado por enriba da media da OCDE e da UE sendo 875 en Educación Primaria fronte 791 e 768 horas respectivamente e, en Educación Secundaria 1.050 fronte 907 e 881 horas, respectivamente.

Nº hora de instrución obrigatoria.

Por outra banda, nun segundo gráfico amósannos o tocante ao tempo que se lle dedican ás diferentes materias de Lingua, Matemáticas e Ciencias.

Observamos que no nivel de Primaria no noso estado a porcentaxe de horas de Lingua é menor á media da OCDE e da UE. No tocante ás horas de Matemáticas, este número é igual ao da OCDE e da UE. E finalmente, en Ciencias o número de horas dedicado en España é superior que na OCE e a UE.

E no correspondente a Secundaria, o estado español conta con porcentaxes inferiores aos de Primaria, é dicir, a proporción de horas destinadas a estas tres materias é menos en Secundaria que na Educación Primaria. Porén, a pesar disto, comparando os resultados coa OCDE, estas porcentaxes son similares, salvo en Ciencias que en España é un pouco inferior á media.

Nº horas lectivas en Lingua, Matemáticas e Ciencias.

Finalmente, A. Lavy, establece que avaliar o número de horas en relación ao desempeño educativo resulta moi complexo, xa que son numerosos os factores que inflúen á hora de explicar o éxito no sistema educativo. Xa que o tempo invertido na aula non é a única variable que afecta e inflúe no éxito do alumnado nas respectivas materias.

Así, nun análise empírico realizado por Lavy (2010) comparouse a causalidade entre as horas de clase e o desempeño nos exames de PISA 2006 ao nivel internacional, obtendo tres resultados:

  1. O efecto causal das horas de instrución é positivo e significativo, é dicir, a maior número horas, mellores resultados do alumnado. Sendo os máis beneficiados as nenas e os estudantes pertencentes a un nivel socioeconómico máis baixo.
  2. Os países en desenvolvemento reducen este efecto á metade.
  3. A produtividade das horas de clase é máis alta en escolas que teñen medidas de rendición de contas e que promoven unha maior autonomías dos centros tanto para seleccionar aos docentes como para administrar os recursos.

Ante estes resultados conclúese que aumentar o tempo en clase é positivo para o desempeño de estudantes pero non existen estudos rigorosos que se centren nos custes e beneficios deste tipo de intervención.


Analizando máis detidamente este indicador, atopámonos con certas contradicións porque en teoría “aumentar o tempo, implica mellores resultados” pero iso non ocorre así, xa que a pesar de que en España o número de horas destinados ás ensinanzas de Primaria e Secundaria son maiores que á media da OCDE e da UE, logo os informes como PISA establecen que o estado español atópase por debaixo da media no tocante ao rendemento e resultados académicos do alumnado. Isto pode comprobarse co caso de Finlandia por exemplo, xa que como podemos comprobar nas táboas e gráficas anteriores, Finlandia atópase nunha posición inferior a España no que se refire ao número de horas obrigatorias tanto para Educación Primaria coma para Secundaria pero Finlandia atópase nuns primeiros postos cos mellores resultados académicos e España non.

Polo tanto, non pode establecerse tal afirmación xa que non é suficiente valorar soamente unha variable coma é o número de horas, xa que existen outras moitas que inflúen nos resultados.

Ademais disto, nós preguntámonos de onde sacaron estas conclusións, xa que non existen estudos rigorosos, e polo tanto, esta información tampouco pode ser considerada válida nin fiable.

 

4.2.            Ratio alumnos-profesor

No tocante á ratio alumnos – profesor en España, está por debaixo da media en comparación co resto de países da OCDE e da UE.

No informe establécese que unha menor ratio alumno-profesor é considerada coma un indicador positivo e beneficioso xa que permite ao profesorado centrarse no seu alumnado dun xeito máis individualizado e óptimo.

Por outra banda, comparando a ratio alumno-profesor co rendemento do alumnado existen contradicións xa que o rendemento é máis baixo en España comparado con outro país de características similares.

 

4.3.            Media de alumnos por clase

No que se refire á media de alumnos por clase, no estado español o tamaño real da clase que se calcula dividindo a ratio entre o número de alumnos e o número de grupos é similar á da OCDE e da UE.

Porén, o tamaño estimado que ten en conta a ratio alumnos-profesor e as horas lectivas de profesorado e alumnado, é máis baixo ao da OCDE e UE.

 

4.4.            Retribución do profesorado

No correspondente a este indicador, o salario dos profesores en España viuse notoriamente afectado pola presente crise económica pero a pesar disto, este segue a ser superior ao salario medio dos países da OCDE e da UE en todas as etapas educativas. Tamén é destacable que estes salarios van aumentando co nivel educativo de ensinanza.

 

4.5.            Horas de ensinanza do profesorado

En relación ao número de horas de ensinanza do profesorado en España o número de horas de ensinanza ao ano nas institucións públicas é máis alto que no promedio da OCDE e da UE e a proporción que representan as horas de ensinanza en horario total de traballo dos profesores está por enriba das da OCDE e da UE tanto en Primaria coma Secundaria.

 

4.6.            Quen son os profesores?

No que respecta ao último indicador deste apartado, no estado español o 56% do profesorado de Educación Primaria ten máis de 40 anos mentres que en Secundaria este grupo o forman o 66%.

No tocante ao sexo, na gran maioría son mulleres en todos os niveis educativos inferiores á Educación Terciaria pero, nesta, é maior a porcentaxe de varóns profesores ao igual que no resto de membros da OCDE.

 

       En definitiva, tras analizar este informe reparamos en que non se pode elaborar uns resultados en base a un único indicador, xa que son numerosas as variables e aspectos a ter en conta e que afecta no éxito e calidade do noso sistema educativo.

Poder revisar un informe deste calibre serviunos para reflexionar en que sempre se opta por comparar os países sen ter en conta os diferentes contextos, situacións e polo tanto a pesar de que unhas condicións favorables para o éxito son: máis horas, menor número de alumnos por aula, mellor salario do profesorado, etc. na realidade isto non se transforma en mellores resultados.

Ademais, queremos tamén destacar que este tipo de informe soamente se centran en analizar e avaliar un produto, uns resultados, e nun ámbito coma é a educación o máis importa e que hai que ter sempre en conta é o proceso, algo que se esquece.

 


Fonte:

Ministerio de Educación Cultura y Deporte (2013). Panorama de la educación. Indicadores de la OCDE 2013. Madrid.