• Blogs
  • silvia
  • Importancia da comunicación non verbal nos procesos de ensino-aprendizaxe

Importancia da comunicación non verbal nos procesos de ensino-aprendizaxe

Por silvia

Nesta entrada gustaríame reflexionar sobre a importancia que ten a comunicación non verbal nos procesos de ensino aprendizaxe.

La comunicación más allá de las palabras Para abordar esta tema vou utilizar como fonte bibliográfica o libro: la comunicación más allá de las palabras. Qué comunicamos cuando creemos que no comunicamos, de Marta Albaladejo, un libro pensado para que os docentes reflexionen sobre a súa propia experiencia nas aulas en relación á comunicación non verbal, ao mesmo tempo que se lles presentan claves para mellorar a súa CNV e conseguir que esta sexa máis eficaz.  

Así, a finalidade de elaborar este blog sería reflexionar sobre as consecuencias que a comunicación non verbal ten na educación, xa que un profesor dende o primeiro momento que establece contacto cos seus alumnos estalles transmitindo moito máis do que cre coa: súa forma de camiñar, mirada, aspecto externo (elementos da aparencia física, como roupa ou corte de pelo, que configuran a imaxe que emitimos de nós mesmos). Tamén a través destes elementos, os docentes amosan como é o seu carácter e personalidade, estado emocional, gustos, intereses e expectativas. Así, os alumnos fórmanse a súa propia imaxe do profesor, pero tamén os profesores se van formando unha imaxe dos seus alumnos, en función por exemplo, da participación dos mesmos na aula.

Aínda que anteriormente xa fixen referencia a algúns elementos que forman parte da CNV, Que aspectos engloba exactamente a CNV? Os elementos aos que atinxe este tipo de comunicación son diversos e complexos, facendo referencia á mirada, aos xestos, á expresión facial, así como diferentes elementos da voz, como o ton, o ritmo, a entoación e o silencio, entre outros. Por iso, é preciso que os docentes teñan un bo control destes aspectos coa finalidade de resolver adecuadamente calquera conflito que se puidera presentar na aula.

Sen embargo, a pesar de que os docentes se forman especificamente para selo (mestres, pedagogos…), apenas reciben formación específica sobre como funciona a comunicación interpersoal nin a comunicación non verbal. Isto non quere dicir que os profesores non se comuniquen adecuadamente cos seus alumnos nin que non o fagan de maneira eficaz, pero sería preciso que coñecesen mecanismos que lles permitisen manter unha comunicación máis efectiva cos mesmos.

En relación cas ideas comentadas anteriormente xórdenme as seguintes cuestións:¿Hai coherencia entre o que o profesorado quere comunicar coas palabras e o que realmente comunica co corpo sen darse conta? Como inflúen as mensaxes na efectividade como docentes?

Ben, para responder a esas cuestións vou facer unha síntese das ideas principais do libro, as cales pretenden ofrecer unha visión sobre o significado que teñen para o alumnado diversos xestos transmitidos polos profesores, pero tamén á inversa, é dicir, como determinadas posturas e expresións xestuais dos alumnos dan unha idea ao profesorado de cómo se senten nas aulas.  

As aportacións principais do libro son as seguintes:

-          A transmisión de contidos realizada polo docente, non se realiza unicamente a través da comunicación verbal, senón tamén mediante a expresión do corpo, así como a través de xestos e da mirada.  Así, os/as alumnos soen prestar maior atención aos xestos do profesorado máis cas palabras, polo que é importante que os/as docentes sexan conscientes do que transmiten a través da linguaxe corporal. (Xestos, mirada, ton da voz…).

-          Ao igual que os alumnos analizan os xestos emitidos polo docente, o profesorado tamén se fixa en diversos aspectos como a expresión facial ou a postura dos seus alumnos. Por poñer un exemplo, algúns xestos dos alumnos como bostezar constantemente ou moverse de maneira inquieta na cadeira, serven aos/as docentes para coñecer a incidencia que está tendo a clase nos estudantes. Así pois, ao observar ditos xestos, o docente pode cambiar de metodoloxía, propoñendo outro tipo de actividades que resulten máis interesantes aos estudantes, e deste xeito, volver a captar a atención dos mesmos. 

-          Tamén o alumnado sabe en función de diversos elementos como o  ton de voz como se sente un profesor nun determinado día de clase. Tamén a expresión da cara permite coñecer o estado anímico dunha persoa, saber se está contenta ou triste, enfadada ou se sente temor por algún motivo. Os diversos estados nos que se atopa unha persoa, reflíctense moi ben a través da súa expresión facial. Así, en función do estado anímico que os estudantes observen no docente, poderán desenvolver actitudes que tendan a complicar ou “boicotear” o desenvolvemento normal dunha clase. Por iso, é importante que o docente domine as diferentes situacións que se lle presentan nas aulas, de modo que lle permita xestionar adecuadamente as mesmas.  

-          Finalmente, un dos aspectos máis significantes da comunicación non verbal é a mirada, xa que esta transmite moito máis do que podamos imaxinarnos. Por poñer un exemplo do que comunica a mirada citar o seguinte caso: cando un profesor realiza unha pregunta e observa que os estudantes baixan a cabeza, sabe que esa actitude se pode deber a dous factores, ben por descoñecemento da resposta, ou porque non queren participar no grupo- clase. Así, un simple xesto pode transmitirnos moito máis ca calquera palabra.  

-          Por último, como conclusión das ideas abordadas con anterioridade, destacar a importancia de comunicar o mesmo a través das palabras e dos xestos que transmitimos co corpo.

Para rematar vou realizar unha valoración persoal en relación ás ideas comentadas anteriormente, aportando exemplos precisos que apoien a miña propia reflexión.

En primeiro lugar, comezar dicindo que moitos docentes non son conscientes de que a través do seu corpo tamén están emitindo mensaxes aos alumnos, e que en moitas ocasións, as mensaxes que transmiten verbalmente contradín o que reflicten os seus xestos ou accións. E cando ocorre esta contradición, polo xeral tende a  ter máis peso as accións que as palabras, de aí a expresión: “o que fas fala tan forte que non deixa escoitar o que dis”.

Engadir tamén que moitas veces os xestos que amosan os profesores na aula, serven aos alumnos para formarse una idea de cómo é o docente que lles da clase. Así pois, comentar un caso concreto vivido  co profesor que nos daba a materia de bioloxía en segundo de bacharelato, xa que este docente sempre daba a clase sentado detrás da súa mesa, e cos brazos cruzados. Os alumnos interpretamos ese xesto como a indiferenza que amosaba o profesor cara a materia impartida, así como o descontento de ter que ir cada día ao instituto, e transmitir os mesmos contidos unha e outra vez. Considero que a actitude que o profesor transmite na aula aos seus alumnos é fundamental para crear un traballo favorable na aula, clima que non existía nas clases co docente citado anteriormente.

Respecto da mirada, indicar que esta é un elemento que xoga un gran papel no proceso de ensino- aprendizaxe. Os docentes deben mirar aos alumnos aos ollos, pero o contacto visual tampouco debe ser continuado, posto que o estudante pode sentirse intimidado e a desgusto na aula. E débese mirar a todos os alumnos por igual. Hai docentes que tenden a centrar a súa atención naqueles alumnos que amosan maior interese por seguir as súas explicacións, pero non naqueles estudantes que se despistan con facilidade ou que necesitan saber que hai profesores que confían en eles, e saben que son capaces de conseguir o que se propoñan. Moitas veces, falta que o profesor transmite ao alumno esa seguridade e motivación de que pode resolver con facilidade calquera tarefa que se lle asigne.

Relacionado co anterior, indicar que é necesario que os docentes establezan vínculos afectivos cos seus alumnos, sempre tendo en conta a súa figura de docente na aula, pero tratando de implicarse e de coñecer aspectos dos alumnos, que son relevantes á hora de analizar o seu proceso de ensino- aprendizaxe. Neste sentido, indicar que moitos profesores consideran que a función docente consiste en transmitir uns determinados contidos, pero non se dan conta de que aspectos relacionados coa opinión que poidan ter sobre determinados aspectos, van a influír na visión que os alumnos  van a ter deles. Os profesores non transmiten só un contido ou información, senón tamén sentimentos e emocións.

            Así pois, a través da información presentada, podemos facernos unha idea dos diferentes aspectos que entran en xogo na comunicación que establecen os docentes cos alumnos, aspectos que moitas veces pasamos por alto, pero que están aí, e que serven aos alumnos para facer a súa propia valoración dos profesores dos que reciben ensinanzas, pero valoración que tamén fan os profesores dos alumnos, en función das expectativas que estes teñen sobre os mesmos.

 

Bibliografía:

Albaladejo. (2007). La comunicación más allá de las palabras. Qué comunicamos cuando creemos que no comunicamos. Barcelona: Graó.

Álvarez Núñez, Q. (2012). La comunicación no verbal en los procesos enseñanza-aprendizaje: el papel del profesor. En Innovación Educativa, 22, pp23-37.