Deberes e responsabilidade docente

 

 Mentres realizaba a entrada anterior titulada “Inversión en educación. Si ou non?” brotou unha nova idea sobre a que reflexionar: a responsabilidade dos docentes. Como realmente non tiña toda a información sobre este tema decidín buscar os datos necesarios pola web para poder completar esta ausencia e deste xeito ter unhas bases sólidas sobre as que poder razoar.

 En primeiro lugar destacar que a principal función do persoal docente é axudar ós estudantes a desenvolver as súas capacidades intelectuais, morais e sociais dentro do marco das súas aspiracións e posibilidades. Pero a súa función non remata aí, ademais, como empregados docentes do Departamento de Educación teñen os seguintes deberes:

  • Asistir ó traballo con regularidade e puntualidade e cumprir coa xornada de traballo establecida.
  • Observar as normas de comportamento correcto, cortés e respectuoso nas súas relacións cos seus supervisores, compañeiros de traballo e cidadáns.
  • Realizar eficiente e dilixentemente as tarefas e funcións dos seus postos e outras compatibilidades que se lle asignen.
  • Seguir as instrucións que lle impartan os seus supervisores dentro do seu ámbito de autoridade.
  • Manter a confidencialidade dos asuntos que se lles confían sen menospreciar o dereito dos cidadáns a obter información de carácter público.
  • Realizar tarefas durante horas non laborais cando o servizo o requira, previa a notificación correspondentes con antelación razoable.
  • Vixiar, conservar e protexer documentos, bens e intereses públicos que estean baixo a súa custodia.
  • Cumprir as normas legais e regulamentarias, o mesmo que regras e ordes emitidas ó amparo das mesmas.

 

 Observando os deberes podemos identificar certo servilismo por parte dos docentes. A maioría dos puntos mostran obrigacións dependentes da administración sen apenas flexibilidade. É certo que algunhas delas caen de caixón e non está de máis indicalo aí pero outras demóstrannos como o goberno pretende controlar ós docentes para que desenvolvan a súa labor docente como o Sistema Político desexa. A partir disto podemos reflexionar sobre como esta establecida a labor docente e as responsabilidades que debe tomar. 

 A responsabilidade nunha profesión sempre é importante e persoalmente, visto os deberes que se lle atribúen ó docente no noso Sistema Educativo, creo que son insuficientes. Noutras profesións a responsabilidade podémola observar máis claramente e se os profesionais non a asumen as causas son máis directas, como por exemplo na profesión de médico, neste caso se un médico non asume as súas responsabilidades, os seus pacientes poden sufrir grandes consecuencias directamente. En cambio, na profesión docentes as consecuencias de que os docentes se desvinculen da súa responsabilidade, non son exactamente directas. Un docente pode cumprir todos os deberes que se ven arriba, pero se non asume realmente a súa responsabilidade as consecuencias afectan a sociedade a longo prazo. 

 A nivel persoal considero que dentro dos deberes que se lle impoñen os docentes debería racharse coa funcionalidade dos deberes sólidos da docencia e debería incluírse o de “crear nos seus alumnos unha capacidade crítica baseada no respecto e na busca da razón”, seguindo a afirmación de Simón Rodríguez sobre a función docente cando di que os profesores deben “Ensinar ós nenos a ser preguntóns, para que, pedindo o por qué do que se lles está a mandar facer, acostumen a facer caso á razón, non a autoridade como os limitados, non a costume como os estúpidos”. A pesar que a labor das familias é básica para a educación dos individuos, son os docentes os axentes que posúe a sociedade para formar a súa poboación, polo que debemos delegar neles a responsabilidade de crear nos suxeitos certos valores para que o mundo se encamiñe as suposicións utópicas de perfección social, onde todos sexamos iguais dentro dos nosos sinais identitarios. Considero que se os docentes chegan a asumir a importancia que teñen dentro da sociedade e esta comeza a ver e valorar a transcendencia que isto supón para o noso futuro, a sociedade avanzará, a profesión docente chegará a ser unha das máis recoñecidas e para os docentes será máis sinxelo asumir o seu papel dentro do mundo social.

 Neste caso son os países desenvolvidos os que deben tomar exemplo dos estados do Terceiro Mundo e das nacións subdesenvolvidas, onde os docentes, sen apenas recursos e deberes, asumen a súa responsabilidade é chegan a desenvolver as súas funcións dentro do seu contexto, conseguindo así mellorar, por desgraza só a pequena escala aínda que a eles non lles importe, o contexto e a sociedade na que sobreviven. A responsabilidade docente abre novas oportunidades os rapaces destes contextos desfavorecidos. 

 

 

Fontes:

http://www.de.gobierno.pr/definicion-y-responsabilidades-del-personal-docente