• Blogs
  • Uxía Cuba Veiga
  • Currículo oficial e currículo nulo, selección en función da política ou o saber?

Currículo oficial e currículo nulo, selección en función da política ou o saber?

Na sesión do luns 11 de novembro de Asesoramento Curricular a Centros e Profesores desenvolveuse un thinking aloud (pensando en voz alta) acerca de determinadas ideas claves en torno á materia do desenvolvemento curricular.

En xeral, resultou ser moi clarificadora xa que se propuxeron definicións sinxelas e concisas tanto para un elemento tan complexo como é o currículo escolar, como para os seus diferentes tipos e elementos.

Así mesmo, saíron á luz e foron comentadas determinadas ideas entorno á relación entre o desenvolvemento curricular e o desenvolvemento profesional dos docentes e á relación destes coas institucións, que me parecen moi interesantes.

Segundo Stenhouse, non é posible o desenvolvemento curricular sen o desenvolvemento profesional dos profesores, polo que o primeiro obxecto de coñecemento e reflexión docente debe ser a propia práctica. Ademais, débese ter en conta que os profesores viven en institucións, non son entes illados. Así a medida que cambian os docentes cambian as institucións e viceversa, é dicir, existe unha relación dialéctica entre os mesmos. Deste xeito, o desenvolvemento curricular, o profesional, o da escola, a autoavaliación, a formación en exercicio e o desenvolvemento persoal, estreitamente ligado ó profesional no ámbito da educación, inciden uns nos outros formando parte dun gran “círculo” que se podería definir co popular refrán “es la pescadilla que se muerde la cola”.

Esta foi a síntese da sesión e consideraba oportuno referirme a ela brevemente. En cambio, o tema que me ocupa nesta entrada é outro que se comentou por enriba ó destacar os tipos de currículo. Deixando á marxe o oculto, é dicir, aquel implícito, latente e non escrito, centrareime na relación de antonimia que existe entre o currículo oficial ou prescrito e o nulo ou ausente, todo aquilo que non ten cabida no mesmo.

Non tratarei de clarificar os significados de ambos conceptos unha vez máis, pois o que pretendo é centrarme na idea que se comentou na clase de que a selección cultural que se fai na escola pode que responda a unha cuestión de política en lugar de a unha cuestión de saber. Por que determinados saberes forman parte do currículo oficial e outros pasan a quedar relegados nos currículo nulo? Na miña opinión, todo o coñecemento é valioso e si parte del queda á marxe é porque alguén considera o contrario, uns saberes son máis importantes que outros. Como se pode apreciar, trátase dunha cuestión ideolóxica e polo tanto, política.

Segundo Rodríguez Lestegás (2012), o funcionamento da escola adoita reproducir o código de valores dominantes da sociedade da que forma parte. Unha minoría hexemónica da sociedade é a que decide o que se considera valioso para formar parte da cultura escolar e as persoas que non acreditan coñecer iso porque non pasan os exames son consideradas fracasadas. Así, nunha sociedade na que a cultura académica transmitida na escola constitúe un factor de distinción social, pois ascender na xerarquía educativa supón ascender na xerarquía social, o sistema educativo formal cumpre a función de filtro selectivo e lexitimación das diferenzas. A escola constitúe, xa que logo, o escenario no que se produce unha selección en función dos saberes e procesos que a propia escola lexitima. É o que se coñece como “darwinismo escolar”.

Neste sentido, a escola ten un papel moi limitado como axente de transformación social, tarefa que debe ser asumida pola sociedade no seu conxunto. Por si soa a escola non pode transformar a sociedade, senón máis ben será a transformación da sociedade a que propicie a transformación da escola.  Así, preséntasenos unha visión bastante pesimista do que os educadores podemos facer polo cambio ou a mellora se non cambia o noso contorno no seu conxunto.

Pola contra, prefiro pensar que si que existe na educación certo poder para levar a cabo cambios que aínda que comecen por pequenos detalles poidan desembocar en cambios máis profundos e esenciais. Como se dixo, a relación  docente-institución é dialéctica. Pode que isto sexa unha utopía pero ter un horizonte presente é o que nos permite camiñar. Remito este fragmento de Eduardo Galeano unha vez máis: "La utopía está en el horizonte. Camino dos pasos, ella se aleja dos pasos y el horizonte se corre diez pasos más allá. ¿Entonces para que sirve la utopía? Para eso, sirve para caminar."

 

Bibliografía:

Rodríguez Lestegás, F. (2012): “A escola e o contorno” en materiais de Coñecemento do medio social e cultural. Facultade de Formación do Profesorado USC, Campus de Lugo