3.1 Plantando a semente: Revisión

3.1 Plantando a semente

Última actualización de en Bárbara Márquez

Como punto de partida da miña formación nesta materia, considero fundamental a actividade que foi proposta pola docente como é a de “Historias previas” xa que o obxectivo desta actividade foi reflexionar sobre o noso percorrido académico en relación aos nosos docentes e botar unha vista ao pasado e as nosas experiencias.

"PLANTANDO A SEMENTE"

Plantando a semente do meu proceso de aprendizaxe

Considero que foi unha actividade moi positiva para ser conscientes a onde nos quería levar a materia, xa que ao recordar aos nosos docentes reparamos nas súas funcións, na metodoloxía que empregaban ou a súa vocación e motivación que amosaban no desenvolvemento do seu traballo. É dicir, considero que foi unha maneira construtiva de iniciarnos na formación e desenvolvemento profesional do profesorado e de saborear a onde nos levaría esta materia. 

Nesta publicación, polo tanto, reflexionei sobre os docentes que pasaron pola miña vida, clasificándoos na Educación Infantil, Primaria, Secundaria, Bacharelato e Universitaria, polo que tamén puiden comprobar as diferenzas da docencia entre diferentes niveis educativos.

A continuación, citarei unha parte da miña reflexión con respecto aos meus docentes na Educación Secundaria Obrigatoria.


Mirando atrás: O meu profesorado

“A Educación Secundaria Obrigatoria así como o Bacharelato o realicei no I.E.S As Telleiras, tamén no medio urbano de Narón. Nesta etapa xa tiven un profesor para cada materia, polo que durante estes anos pasaron pola miña vida un gran número de docentes.

En xeral, considero que nesta etapa os docentes son máis distantes e establecen relacións máis impersoais, posto que a visión que me levo de forma global é que a maioría tiña como obxectivo chegar a aula, dar os contidos que teñen establecidos e cando toque o timbre marchar sen máis. Considero que este aspecto, incide enormemente na motivación do alumno á hora de afrontar unha determinada materia, engadido á actitude de “rebeldía” que amosa o alumnado durante a adolescencia. Tamén se trata dun profesorado que emprega unha metodoloxía tradicional, limitada no libro de texto o que tamén limita enormemente as expectativas do alumnado.

Polo tanto, o problema que atopei durante estes anos no instituto é que os docentes están moi formados en contidos, pero quizais non tanto na forma de transmitilos e que a súa actitude é o reflexo da actitude que van ter os alumnos acerca del e da materia. Aínda así, so é unha reflexión xeral, posto que tamén teño bos recordos acerca dalgúns profesores/as que ademais de limitarse a transmitir contidos se preocupaban polas nosas necesidades específicas, polas nosas inquedanzas, polos nosos intereses e amosaban actitudes máis próximas que propiciaban un ambiente máis agradable na aula.”

Polo tanto, tras a elaboración deste traballo quixen compartir esta cita de Henry Adams “Un maestro afecta a la eternidad, nunca sabe donde termina su influencia” posto que considero que en gran parte somos o que somos grazas ao seu traballo e a súa labor acompañaranos ao longo da nosa vida.

Ademais, este tema o tratamos de xeito grupal, polo que foi a perfecta oportunidade para intercambiar experiencias e puntos de vista. Coa realización desta actividade en grupo, comprobamos que había numerosas diferenzas entre os nosos docentes pero que concluíamos en aspectos como: emprego dunha metodoloxía tradicional e rudimentaria, sesións moi pautadas polo libro de texto no que o docente exerce un papel pasivo e en ocasións distante dos alumnos, docentes sumisos ao sistema educativo que apenas innovan polo que se segue perpetuando unha educación tradicional.

“Nos enseñan igual que antes” 

Ademais, de xeito grupal, botamos unha mirada a nosa formación sobre este tema no Grao en Pedagoxía e chegamos á conclusión de que este tema o tratamos moitas veces pero de xeito transversal e sen afondar nas peculiaridades que afondamos nesta materia. A continuación comparto o enlace da publicación grupal:

http://stellae.usc.es/red/blog/view/41819/prctica-1-historias-previas-parte-2

Outro punto de partida nesta materia foi o análise de xeito individual por interese propio da nova lei educativa LOMCE e un tempo despois, foi proposta como actividade de clase a elaboración dunha comparativa entre a LOE e LOMCE que fixemos de xeito grupal. 

 Pola educación pública: Non a LOMCE

http://stellae.usc.es/red/blog/view/43703/prctica-3-loe-vs-lomce

Foi moi interesante comprobar que, aínda que non se especifiquen modificacións con respecto ao apartado do profesorado, si se modifican as súas condicións dun xeito implicito posto que se amosa unha gran desconfianza de cara a súa labor (modificanse as súas condicións laborais, desaparecen materias ou se priorizan unhas sobre outras, avaliación externa, contratación dos docentes por parte do Director, etc).

Gustaríame destacar unha parte da miña entrada persoal que considero que é unha boa conclusión sobre a Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa e a influenza que ten sobre os docentes.

"Polo tanto, trátase dunha lei sen xustificación que non ten en conta a palabra da comunidade educativa, que nin se leva a un debate previo coa participación de todos os axentes implicados en materia educativa para verdadeiramente promover a mellora da calidade educativa. É dicir, é unha lei autoritaria, unha imposición que omite a valoración que ofrecen as asociacións, docentes, sindicatos, pais, nais, alumnos e demais persoas interesadas pola educación.

Ademais, é unha reforma que impón a ideoloxía dominante, concretamente a ideoloxía do Partido Popular xa que é o único axente a favor de dita lei. Ademais, se sustitue a necesidade de educar a cidadáns reflexivos e críticos pola necesidade de formar man de obra para o mercado laboral.

 Doutra banda, estamos a falar dunha lei segregadora e clasista, posto que ofrece menos oportunidades aos grupos sociais máis desfavorecidos, facendo ver que as súas capacidades son inadecuadas ou menos pertinentes para seguir ascendendo nos diferentes niveis educativos. Ademais, falamos dunha lei sexista, posto que promove os colexios que separan ó alumnado por sexo, ignorando a declaración da UNESCO de 1960.

Finalmente dicir que se trata dunha reforma que desconfía do papel do profesorado, que amosa un certo medo a que o profesorado de resposta as verdadeiras necesidades do alumnado e de que promova a formación de “cabezas pensantes”. Ademais, se trata dunha lei que rexeita determinadas materias e contidos as cales son fundamentais para educar a unha cidadanía democrática, reflexiva e crítica."

 

CONTINUA O NOSO CRECEMENTO... BOTANDO RAÍCES