Berta Varela Garcia

Son a típica rapaza inconformista, loitadora, positiva, esixente e traballadora, pero o adxectivo que me define por excelencia é o de aventureira, adoro os retos, os desafíos, os perigos...e sobre todo adoro a vitoria unha vez conseguidos.

Historial

6. Valoración final do proceso: Revisión

Aquí estamos, unha vez máis pechando un capítulo na rede social do grupo de investigación “Stellae”, esta viaxe deuse por rematada, espero que haxa máis viaxes, espero que gocemos das paisaxes futuras, espero que descubramos paraxes cos nosos compañeiros e que visitemos lugares que por nós sos nunca repararíamos en visitar.

            A continuación pretendo desenvolver nesta valoración final do proceso de aprendizaxe neste entorno virtual aqueles puntos febles e fortes en todo este proceso.

            Sinalar xa nun primeiro intre a importancia de que este ano en “Formación e Desenvolvemento Profesional do Profesorado” se nos dese a posibilidade de traballar de xeito conxunto cos nosos compañeiros na sección de grupo de modo que, como xa explicitei no apartado anterior de autoavaliación foi un feito totalmente significativo para min. A isto hai que sumarlle un punto feble, é dicir, isto levou que, non comentara en tantas entradas de outros compañeiros que non conformaban o meu grupo “Acción Pedagóxica”, polo que quizais me “perdín” algunha que outra reflexión relevante.

image

            Neste senso, subliño que, a rede social e un entorno ó que podemos acceder ás reflexións que expoñen os nosos compañeiros, este considero que é un aspecto interesante, xa que compartir significa que podemos acceder ó que nos expoñen, podemos nutrirnos dos seus coñecementos e crear un coñecemento máis global a partires das aportacións de diferentes contidos dos compañeiros.

            Unido a este punto feble tamén constato a carencia de maior tempo para a realización do e-portafolios, xa que o ano pasado na materia de “Tecnoloxía Educativa” dispuxemos de máis tempo, o que fixo que puidésemos elaborar máis entradas, afondando máis nas mesmas e construíndo significados en base ás evidencias que íamos presentando.

            Con respecto ó tempo, tamén debo subliñar un aspecto, senón houbese que pechar xa este e-portafolios, posiblemente continuase desenvolvendo coñecementos referidos ó profesorado, xa que existen moitos temas que aínda non traballei e que por falta de tempo, non puiden realizar as pesquisas sobre os mesmos, establecendo as reflexións precisas. Pero, tamén indicar que, este non é o final, é unha viaxe que xa concluímos, que xa chegamos ó destino, observamos a marabillosa paraxe, agora toca volver a construír unha nova ruta, descubrindo as diversas paisaxes.

            Traballar nunha plataforma virtual fixo que nos aproximáramos ás ferramentas tecnolóxicas, que dentro de pouco (segundo o meu punto de vista) cubrirán gran parte da nosa cotidianidade. Como profesionais futuros da educación temos que adaptarnos ós cambios da sociedade, empregar as mesmas ferramentas que utiliza a sociedade, familiarizarnos con elas, cultivarnos en, por e para elas, e que mellor forma que comezar mediante esta rede social?

image

            O e-portafolio fixo que foramos suxeitos de acción, fomos os xefes da nosa propia aprendizaxe, nós eramos os principais responsables da nosa formación, da construción dos nosos coñecementos. Elaborei este documento dixital a partires do meu propio esquema de valores e a miña interpretación da realidade, defendendo todos aqueles contidos mediante as indagacións e razoamentos que ía desenvolvendo. Podo dicir que, síntome totalmente satisfeita coa labor realizada, e o traballo que estou a consolidar, o obxectivo primordial que perseguía está cumprido: a aprendizaxe significativa de contidos referidos á formación e o desenvolvemento profesional do profesorado.

            Espero que a miña tarefa elaborada sirva de guía e axuda a todo aquel que desexe acceder a este e-portafolios, enriquecéndose e nutríndose do que nel está contido.


            Sen máis, agradecer á profesora da materia, Lourdes Montero, a posibilidade de desenvolver esta materia cunha metodoloxía totalmente innovadora, portadora de aprendizaxes completamente significativas.


                                                                    image