1. Preparando a viaxe

1. Preparando a viaxe

Última actualización de en Iria Vilar San José

Hai uns meses comezaba eu a pensar na viaxe que tiña que realizar e a prepararme para ela. Nese momento debo recoñecer que non estaba moi segura de que me apetecese emprendela. Por un lado era consciente de que o meu coñecemento sobre a tecnoloxía era completamente insuficiente para poder empregala con todas as súas potencialidades no ámbito educativo, así que sabía que era preciso que acadase máis coñecementos. Pero, polo outro, xa formara na miña cabeza unha idea do que ía ser esa viaxe e esa idea non era especialmente atractiva para min: un montón de recursos informáticos que teriamos que aprender a manexar correctamente para logo poder aplicalos na práctica educativa.

Pero era unha viaxe que tiña que emprender porque, como deixei reflectido na miña entrada Unha carta á tecnoloxía, eu só era unha espectadora e nen sequera unha espectadora moi consciente do que se estaba a desenvolver diante dos seus ollos. Tiña moita información ante min e iso encantábame, pero non sabía, e ás veces non quería, seleccionala para tomar só aquela que me fose útil ou rigorosa. E en canto á producción... directamente, non producía nada que eu mesma puidese considerar útil e rigoroso, de feito apenas producía nada porque non pensaba que tivese nada valioso que aportar.

Así, estaba claro que precisaba facer esta viaxe e, sen embargo, pensaba en ela coma algo útil pero non atractivo. Xa me estaba a ver afogada entre miles de recursos educativos en rede sobre os que me ensinarían os pasos que tiña que seguir para o seu emprego e... nada máis, só procesos e procesos sen nada de reflexión. Por que imaxinaba eu isto? Supoño que por unha asociación de ideas que me formara na miña cabeza: o ensino da tecnoloxía seguramente tiña que producirse desde un paradigma tecnolóxico. Aínda así, cando se me pediu que espuxese os meus Obxectivos para Tecnoloxía Educativa, deixei de lado os meus preconceptos e puxen o que verdadeiramente desexaba, uns obxectivos de carácter actitudinal que procuraban unha visión crítica do emprego das TIC na educación. Con todo, non puiden evitar deixar reflectidos os meus prexuizos apuntando que non tiña moi claro que eses obxectivos puidesen cumprirse.