3.a TIPOS DE PATRÓN A PARTIR DOS MODELOS DE TRABALLO

A nosa relación cos remeiros vai a estar condicionada polo modelo no que nos baseemos para darlle sentido ós nosos adestramentos, pois en función de como estruturemos os mesmos, tamén estaremos a favorecer que a nosa relación cos compoñentes da traíña sexa dun ou doutro tipo.

Por exemplo, podemos optar por tomar nós todas as decisións sobre a forma de organizar as sesións, podemos ter en conta as necesidades dos remeiros para adaptarnos a como mellor lle vaia o número de sesións, o horario das mesmas ou non, podemos ter máis ou menos contacto con eles, etc. En función de todas estas decisións estaremos promovendo un tipo diferente de relacións cos nosos remeiros, de máis autoritarismo, de achegamento, de importancia de cada un, de importancia do grupo, de preocuparse só pola gloria persoal, etc.

tipos de jefes

Co asesoramento sucederá o mesmo, pois dependendo do modelo escollido, as relacións serán máis propensas a ter en conta uns ou outros aspectos. Así pois, logo dun estudo e análise das achegas de diversos autores e do traballado na clase,  distinguín os seguintes tipos de asesor segundo as relacións que este manteña cos seus compañeiros:  

  • Burocrática: a relación do asesor cos compañeiros limítase ó unicamente establecido pola lei, cómprense as funcións que lle son propias pero as relacións cos demais vense como algo forzoso, e que hai que cumprir porque ven imposto, pero non existe interese nin se comeza unha relación produtiva de forma espontánea. Isto pode facer que o traballo do asesor sexa pouco proveitoso.
  • Experto consultor: o asesor considérase un experto ó que acudir cando existen problemas. É o encargado de propoñer a forma de solucionar as dificultades porque é o máis cualificado para facelo. Pode ser visto coma unha figura con estatus superior ó resto de compañeiros, existindo así un distanciamento entre o asesor e os demais.
  • Dinamizador: o asesor encárgase de promover escenarios e accións que impliquen a interacción entre os membros da comunidade educativa. Trata de propoñerse a colaboración como motor de cambio, como algo necesario para a mellora da educación, deixando de verse a relación cos demais como algo forzoso e inútil. Pode supoñer un feito importante para lograr a calidade educativa, ademais da apertura da escola ó entorno e a participación de pais , nais e outros membros do entorno escolar na realidade educativa.
  • “Amigo crítico”: o asesor mantén unha relación de horizontalidade co resto dos profesores, pero asesorándoos e aconsellándoos cando sexa necesario. O asesor actúa de forma proactiva, anticipándose ós problemas a través da relación e o contacto cos seus compañeiros.
  • Técnico operario “reparador”: a función do asesor é reactiva. Céntrase en resolver aqueles casos problema que se presentan, de forma individual. Polo tanto a relación co resto de compañeiros do centro é secundaria, o principal é resolver os problemas.
  • Colaborador animador: o asesor mantén unha relación de igualdade co resto dos profesores do centro, traballa de forma colaborativa con eles. Esta relación ten que ver coas accións levadas a cabo, é dicir, coa práctica, prestando o apoio necesario ós compañeiros.
  • Transformador investigador: prodúcese unha relación de colaboración entre o asesor e a comunidade educativa, tentando de mellorar en todo momento as prácticas e a calidade, pero a través sempre da cooperación e o traballo conxunto. A relación vese como algo produtivo, necesario e desexable, no que se implican todos os membros da comunidade, abríndose a escola á participación das persoas do entorno.
  • Experto infalible: o asesor ocúpase das problemáticas que xorden no centro, aplicando os seus coñecementos a fin de mellorar as situacións desfavorables. Non existe unha relación de traballo colaborativo co resto de compañeiros. A súa labor como pode apreciarse é principalmente reactiva.
  • Práctico reflexivo: mantéñense relacións de colaboración coa comunidade educativa. As relacións buscan a mellora da calidade educativa e das prácticas, a través dunhas relacións que se ven como produtivas e desexables. Existe un contacto co entorno, non se limita á realidade do centro.

Como se pode ver, moitos destes tipos de profesional apenas prestan diferenzas entre si, nin todos os profesionais se clasifican nun ou noutro tipo. Debemos ter en conta as características expostas en cada caso, e ver así en que modelos se podería enmarcar cada asesor, pois pódese situar en varios destes tipos ó mesmo tempo, e mesmo en diversas situacións podemos actuar dun modo diferente.

Hai que ter en conta que esta clasificación é únicamente orientativa, unha correspondencia entre os modelos de orientación e asesoramento coa práctica. Para elaborala tomei como referencia estas clasificacións:

  • Burocrática, experto consultor, dinamizador ou “amigo crítico”. Clasificación realizada por Moreno de Olmedilla (2004).
  • Técnico operario “reparador”, colaborador animador ou transformador investigador. Clasificación realizada por Fernández Sierra (1995:57).
  • Experto infalible ou práctico reflexivo. Clasificación realizada por Imbernón (2004).

 

http://stellae.usc.es/red/blog/view/23347/qu-tipo-de-asesores-nos-podemos-atopar-segundo-a-sa-accin