1. Introdución

1. Introdución

Última actualización de en Raquel Ferreiro Mareque

      Ao comezo deste curso, iniciámonos nun percorrido que nos levaría a coñecer e a afondar  en que consiste a tarefa do Asesoramento Curricular a centros e a profesores.

     Chegados a este punto, é o momento de botar unha ollada a todo o traballado durante este primeiro cuadrimestre e de empezar a darlle forma a todos eses contidos tratados na clase e a todos aqueles que abordei nas diferentes entradas do meu blogue, de tal forma que adquiran unha certa coherencia e que reflictan todo o abordado ao longo destes meses.

     Para iso, irei indicando o camiño que fun  trazando neste “sendeiro do Asesoramento”.

     Como xa sabemos, un sendeiro é un camiño estreito que se fai ao andar por el, unha ruta, sinalizada ou non,  que pasa xeralmente polas sendas ou camiños rurais. Nel o visitante transita a pé, por un camiño definido de antemán e equipado de sinais de información que guían ao camiñante. O seu fin específico é o coñecemento do medio natural e cultural.

     No meu caso, para percorrer este sendeiro, serviranme de guía todos aqueles “sinais” que fun elaborando e polos que me fun guiando ao longo deste camiño, e que conteñen diversas reflexións e contidos, que me permiten ir dando forma así como ampliar o meu coñecemento sobre o destino ao que me dirixo: o asesoramento.

image

     O noso camiño como asesores discorre por un sendeiro no que imos acompañados de persoas capaces e competentes, de profesionais sensibles coas súas tarefas. Deste modo, o camiño cara a colaboración, cara a competencia, cara a construción dunha cultura colaborativa sensible coas necesidades e problemas sociais, debe de ser o camiño cara onde nos leve ese sendeiro.

image

 

¡Sigamos ese camiño!