6.2. A formación centrada na escola e o proceso de asesoramento

     A concepción e práctica da chamada “formación centrada na escola” aspira a entender aos centros docentes como organizacións e lugares de traballo, como un novo modo de exercer o oficio ou profesión de ensinar, e a recoller parte das leccións aprendidas sobre como levar a cabo o cambio na educación. De acordo con estas ideas, a formación do profesorado, vai unida a mellorar o que se fai, e normalmente precisa dun asesoramento (axentes de cambio) externo e/ou interno para a súa dinamización, nunha relación de colaboración.

      Apostar polo desenvolvemento interno dos centros educativos significa promover a necesaria cohesión das escolas, de tal xeito que se convertan en espazos institucionais para a innovación e a mellora. A redefinición das tarefas, dos procesos e das funcións deberían posibilitar unha formación que organice as necesidades de desenvolvemento individual dos seus membros e as do centro como organización. Deste xeito intentase lograr que os espazos e tempos de formación estean ligados cos espazos e os tempos de traballo, que a innovación e a formación non sexan ámbitos separados, xa que dous lugares de acción poden ser, ao mesmo tempo, lugares de aprendizaxe para os profesores/as.

     Por outro lado, unha formación continuada do profesorado no desenvolvemento do currículo debería articular as necesidades de desenvolvemento individual e as do centro como organización. Para iso as modalidades de formación deberán emerxer dos propios centros de ensinanza, como procesos de identificación de problemas, construción de solucións e planificación de proxectos de acción. Isto supón que as estruturas, procesos e a cultura de cada centro escolar constitúen factores decisivos na mellora, e que os profesores, reflexionando e compartindo a súa propia práctica nunha relación de colaboración, poden formarse e reconstruír internamente os centros escolares.

     Os contidos e formato destas modalidades de formación deben versar sobre a realidade do centro, retomando (como base da aprendizaxe institucional), a propia historia colectiva do centro para pensar o que se fixo, de qué nos podemos sentir satisfeitos e en que aspectos se debe incidir para seguir coa acción de mellora. Débese facer do centro un proxecto, como compromiso permanente para dar solución aos problemas identificados, xerando dispositivos de formación e innovación insertos nas propias institucións de traballo. O asesoramento xoga aquí un papel fundamental, guiando entre outras cousas na elaboración dos documentos do centro e logrando que se acepten e se adopten os cambios.

     O cambio educativo é un proceso complexo que debe implicar a todos os membros en dinámicas de traballo e compromisos compartidos. O intercambio de coñecementos e experiencias entre diversos profesionais (“aprendendo xuntos”) adoita ser un dos medios máis enriquecedores e con maior repercusión no desenvolvemento profesional docente, ao contrario do que sucede coa cultura do individualismo e a privacidade. Pola súa parte a autonomía e descentralización, tamén se converte nunha condición estrutural para implicar aos diversos axentes na toma de decisións e deste xeito posibilitar o traballo colaborativo e en equipo. 

     O asesoramento aos procesos de formación centrados na escola, en lugar de desempeñar a función de asegurar ou apoia a implementación das reformas, debe dirixirse primordialmente a capacitar ao profesorado para mellorar a práctica, e a facilitar  os procesos para o desenvolvemento do centro escolar como institución. Trátase desta forma de “traballar con” os profesores e os centros en lugar de “intervir en” eles.

     Así pois, unha relación de traballo en colaboración cos profesores pode xerar máis facilmente a apropiación dun modo de traballar e resolver os problemas por parte do profesorado, facendo innecesaria a dependencia do asesor, obxectivo último de calquera proceso de asesoramento.