6.1. A importancia de colaborar

6.1. A importancia de colaborar

Última actualización de en María Buiturón Lapido

 

A importancia de colaborar

María Buiturón Lapido

 

Traballar co texto de Domingo Segovia (Comprender y redireccionar las prácticas de asesoría), fíxome cuestionarme algúns temas sobre os que nunca me detivera a reflexionar e que teñen un significado de certa importancia, como é si o asesor actúa como solucionador de problemas, ten un rol máis colaborativo ou desempeña ambos roles, que función ten o asesor para mellorar a calidade da educación, se existe un único modelo mellor que outros ou se todos son correctos dependendo do punto de vista que se lle dea, se o termo “colaboración” é un termo “politicamente correcto” ou realmente existe e se da entre diferentes axentes, institucións… Ademais, este autor, toma como palabras clave no seu discurso (e fai referencia a elas constantemente) ás palabras calidade, mellora, equidade e colaboración.

Como xa dixen, foron diversos os temas os que chamaron a miña atención, pero centrareime no termo de colaboración e a importancia de que se leve a cabo dentro do ámbito educativo, sobre todo no referente á colaboración entre o psicopedagogo e o profesorado.

O termo colaboración fai referencia ao proceso no que se involucran dúas ou máis persoas que perseguen unha mesma finalidade. Se nos centramos no ámbito educativo, concretamente nas relacións de colaboración entre os profesionais, podemos dicir, que se trata de algo fundamental para o bo funcionamento da institución e para o óptimo desenvolvemento do alumnado, sobre todo para aquel que ten algún tipo de necesidade ou dificultade especial.

Sobre este concepto tamén reflexiona Bassedas (1988) en El asesoramiento psicopedagógico: una perspectiva constructivista, e comenta que a colaboración é un tema que entra no concepto de asesoramento actual e que é fundamental que se dea unha corresponsabilización dos distintos profesionais (sen deixar de ter en conta que cada un deles ten unhas funcións concretas, definidas e limitadas) para realizar un bo traballo dentro da institución escolar. Nesta colaboración débense considerar aspectos como o proceso de adquisición de coñecementos, o papel de cada individuo, o medio para que sexa máis sinxela a aprendizaxe e a relación que se establece entre a institución educativa e o contexto. Estes puntos sitúannos nun paradigma constructivista, xa que como prosegue Bassedas (citando a Coll, 1979) “o suxeito participa activamente na construción da realidade… e o coñecemento que posuímos do mundo exterior é sen dúbida unha mestura das súas propiedades “reais” e das nosas achegas no acto do coñecemento”.

Prosegue comentando que asumir esta perspectiva constructivista vai repercutir na intervención psicopedagóxica e esixirá modelos e estratexias de actuación próximos ás propostas teóricas expostas, o que vai provocar dúbidas e dificultades, implica a creación de novos instrumentos e vías de intervención e ademais demostra a necesidade continua de investigar. A pesar de que non vai ser unha tarefa fácil de realizar, non se pode abandonar e débese levar a cabo de maneira conxunta co resto de profesionais do centro e de servizos externos, pero en especial co profesorado.

Nun texto da mesma autora publicado no 2007 (La colaboración entre profesionales y el trabajo en red), reafirma a relevancia de crear comunidades de colaboración (entre os profesionais do ámbito educativo, do ámbito sanitario, dos servizos sociais…) para que todo o alumnado da escola aprenda e se desenvolva o mellor posible. Así mesmo, di que dende unha perspectiva contextual e de desenvolvemento, enténdese que se crea e potencia o desenvolvemento dende a interacción existente entre a persoa e as situacións de aprendizaxe que lle ofrecen os adultos e as persoas máis capacitadas do seu arredor; deste xeito, podemos percibir a importancia de coñecer tanto á persoa como aos entornos nos que se move.

Por estas circunstancias, o traballo e os coñecementos dun só profesional non son suficientes, xa que os saberes son fragmentarios e as funcións dos diferentes profesionais están delimitadas, entón é aquí onde reside a importancia do traballo colaborativo e a necesidade de abordar as problemáticas que se presenten e atopando solucións conxuntamente facendo copartícipes a todos os profesionais. Bassedas, a maiores, identifica dous eixos fundamentais na colaboración entre profesionais: o grao en que se necesita a outros profesionais para cumprir coas funcións propias de cada profesión, e a finalidade que guía a intervención (relacionados coas proposicións teóricas implícitas en toda práctica profesional). Ademais, especifica os momentos e situacións nos que se fai imprescindible o traballo en rede, como son as situacións de colaboración que veñen marcadas polas dinámicas das accións dos propios servizos (toma de decisións conxuntas entre os profesionais e a familia, reunións de seguimento cos profesionais na escola, etc), ou as situacións de colaboración que deben establecerse a partir das demandas ou situacións persoais ou familiares achegadas polos propios usuarios dos servizos (como as necesarias en situacións de crise a momentos do ciclo vital da familia ou do propio alumno…).

Do mesmo modo, a autora establece tres niveis de colaboración: a nivel dos profesionais, no seguimento dos casos nos que interveñen os diferentes profesionais dos equipos de traballo, para coñecerse, establecer relacións interpersoais… levándose a cabo a relación en función do interese dos propios profesionais; a nivel dos técnicos con capacidade de representación dos distintos equipos profesionais, a partir dos cales se propoñen estratexias para avanzar na colaboración, se analizan as dificultades, se poden elaborar os proxectos para mellorar a coordinación dos equipos e a colaboración dos profesionais, se organizan os encontros destes…; a nivel da Administración con poder político (en comarcas, municipios ou distritos) que posibilita a atención das necesidades expresadas polos técnicos, a transmisión a outros poderes dos axustes normativos necesarios, promoción ou apoio aos proxectos que concreten as intencións políticas, o establecemento da financiación precisa para poñer en marcha os proxectos que permitan a solución das necesidades da zona e facer as modificacións dos servizos que faciliten a mellora da coordinación.

Como podemos ver, son moitos e diversos os aspectos que inflúen e teñen relación co concepto de colaboración, e polo tanto, dedúcese que é un termo máis complexo do que asemella. A colaboración no eido educativo é imprescindible para que se produza unha mellora da calidade da educación e para que cada alumno e alumna (tanto con algún tipo de necesidade como sen ela) acade o máximo desenvolvemento, benestar e integración social posible. É de importante relevancia que cada profesional comparta co resto dos colaboradores o mellor de si mesmo (os seus coñecementos, as súas ganas de aprender, de mellorar…) para que o acto colaborativo funcione ao cen por cen e non quede todo a medio facer ou na “caixa” das boas intencións, sen intentalo, por encerrarse un mesmo nunha cultura, modelo e ideoloxías propias inflexibles. Hai que buscar métodos ou estratexias de comunicación e traballo eficaces para todos os compoñentes que integran a rede, e adaptalas ás estruturas internas e externas relacionadas co ámbito educativo para que sexa posible a consecución da finalidade que perseguen.

 

 

Referencias bibliográficas:

-          Bibliografía:

  • Bassedas, E. (2007). La colaboración entre profesionales y el trabajo en red. En Joan  Bonals Picas (coord.), Manuel Sánchez Cano (coord.) (2007) Manual de  asesoramiento psicopedagógico. Barcelona: Graó

 

-          Webgrafía:


  • Domingo Segovia, J. (2010). Comprender y redireccionar las prácticas de asesoría. Revista Iberoamericana de Educación, 54, 65-83. Recuperado o 17 de outubro de 2013, en:  http://www.rieoei.org/rie54a03.pdf
 
cociña.jpg