7. Revisión do construído

7. Revisión do construído

Última actualización de en María Buiturón Lapido

Chegou o momento de facer unha valoración do construído ata este momento e do que falta por construír na nosa casa do asesoramento.

Gustaríame comezar dicindo que para min foi unha novidade traballar do xeito no que o fixemos nesta materia, debido a que nunca empregara un blog como lugar onde engadir os meus arquivos e reflexións. Cando comezamos esta nova experiencia, sentíame un pouco perdida, en parte porque non teño moitas cualidades para as novas tecnoloxías, e en parte, porque non comprendía de onde podía sacar algún tema de interese para traballar sobre o asesoramento que non fose explicitamente aconsellado na clase.

Así mesmo, debo dicir, que o blog me parecía algo complicado de entender, de feito, máis de una vez crin ter subido algún arquivo cando en realidade non o fixera ben ou quedara gardado como borrador; pero pouco a pouco fun controlando o seu dominio.

Como dicía na introdución do portafolio, intentei agregar no meu blog arquivos, reflexións, información, etc, relacionado co ámbito da educación, os cales me serviron para ir construíndo pouco a pouco o meu coñecemento sobre a materia (como indiquei na introdución, a miña casa do coñecemento). Puxen moito tempo e dedicación na elaboración dos arquivos, intentando coller información de diferentes fontes e contrastándoa todo o que me foi posible, por esa razón, o número de documentos non foi tan abundante como quixera, pero como se soe dicir “vale máis a calidade que a cantidade”, e intentei que así fose. Non obstante, incluín no portafolios só unha parte dos arquivos, deixando algún atrás por non ter cabida ou relación cos textos que decidín engadir no portafolios.

Debo dicir, ademais, que a miña asistencia a clase foi constante, intentando participar todo o posible, e aínda que as miñas achegas non foran en cantidade as que eu quixese (en parte polo meu medo a “meter a pata” e en parte porque me gusta escoitar), tiven a oportunidade de nutrirme das achegas que realizaron as miñas compañeiras e compañeiro, ademais das da profesora, por suposto.

En canto á materia, considero que aprendín moitas cousas relacionadas co ámbito do asesoramento como poden ser algúns dos modelos de asesoramento que existen (que non son os mesmos que os de orientación), o esencial da colaboración entre os profesionais, o rol que debe ir construíndo o asesor (de xeito consensuado co resto dos profesionais que conforman a institución), a axuda e apoio que debe outorgar o psicopedagogo para capacitar ao profesorado na atención á diversidade a partir do desenvolvemento do curriculum, e deste xeito crear unha independencia cara el, é dicir, facerse prescindible ao “repartir” entre o profesorado todos os seus coñecementos.

Non obstante, esta é unha casa que se debe seguir reformando e ampliando, polo que nun tempo o seu deseño vai ser diferente a como o temos construído ata agora, debido a que os coñecementos e necesidades van cambiando polo que se precisan actualizacións, ou neste caso, reformas.

descarga.jpg