Please enable JS
  • slider21.jpg

Silvia López-Gómez, membro do Grupo de Investigación Stellae, participou como relatora convidada na Xornada Assessories Xarxa CEFIRE 2023: Intelixencia Artificial e transformación educativa, celebrada en Torrent (Valencia) o 10 de maio.

Os CEFIRE en Valencia teñen como finalidade favorecer a formación do profesorado. A esta xornada asistiron máis de 250 persoas.

E é que desde fai relativamente pouco tempo, a Intelixencia Artificial parecía ser un asunto de especialistas en computación, pero co lanzamento de aplicacións abertas ao público estamos a descubrir como unha especie de maxia sen límites que en educación nos está dando que pensar: que usos podemos facer da mesma? a que riscos nos enfrontamos? como impactará nas nosas vidas e profesións? Aínda que, na actualidade, non existen respostas claras a estas cuestións, si que debemos coñecer algunhas destas ferramentas para analizar o seu potencial educativo e descubrir, por exemplo, como poden facilitar a elaboración de materiais didácticos ou potenciar o uso de metodoloxías activas, entre as que se atopan a aprendizaxe baseada en xogos dixitais e a aula investida.

No relatorio pretendeuse, principalmente, introducir ás persoas asistentes na aplicación da Intelixencia Artificial na elaboración de materiais didácticos, á vez que se trataron metodoloxías activas. Todo iso baixo unha actitude lúdica e participativa.

A maiores deste relatorio, a profesora Silvia López-Gómez adheriuse recentemente á Rede Europea e Latinoamericana de Formación e Innovación Docente (RELFIDO) xunto cos profesores Raúl Eirín Nemiña, Jesús Rodríguez Rodríguez, (ambos tamén do GI Stellae), Montserrat Castro Rodríguez (Universidade da Coruña) e Diana Marín Suelves (Universitat de València) para traballar ao redor da INTELIXENCIA ARTIFICIAL NAS INSTITUCIÓNS DE EDUCACIÓN SUPERIOR.

Esta liña de investigación en relación á Intelixencia Artificial e a súa aplicación na educación en xeral e na elaboración de materiais didácticos dixitais, en particular, xorde por mor da participación deste equipo (Raúl Eirín, Jesús Rodríguez, Montserrat Castro, Diana Marín e Silvia López) nos proxectos «A escola da sociedade dixital: análise e propostas para a produción e uso dos contidos dixitais educativos» (Escuel@ Digit@l, EDU2015-64593-R) e «Os materiais didácticos dixitais na educación infantil. Análise e propostas para o seu uso na escola e o fogar» (Infanci@ Digit@l) concedido en convocatoria 2018 de proxectos de I+D+i «Retos de investigación».

 

foto 1

foto 2